Secho: «Fixen cancións en castelán, pero non acababan de ter xeito como en galego»

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SECHO
SECHO .

O músico de Dodro lanza «As sensacións», o adianto do seu próximo álbum no que se move no folk-pop

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día deu un recital só en Santiago. Nervioso, presentouse como Secho y Los Invisibles, nome que quedou para o seu debut Xa fai un tempo (2016). Agora Sergio Castiñeiras (Dodro, 1985) volve con Recuperar, un álbum que sairá nas próximas semanas. Xa se pode escoitar nas plataformas dixitais As sensacións. Iso si, polo camiño foise a súa banda imaxinaria. Agora é Secho a secas.

-Este é un disco pandémico?

-Totalmente. Empecei a gravar antes e quería facelo ao longo do ano e sacalo. Colleume no proceso. Tivo cousas boas: xunteime con xente e houbo moitas colaboracións: está Guadi Galego, Sabela Galván e outros.

-Fala de recompoñerse e reprogramarse. Iso é polo covid?

-A verdade é que comezou sendo algo a nivel persoal, que quería recuperar o meu sitio tras un tempo. Pero coa pandemia chegou outro prisma que afecta a todos. Creo que todos temos algo que recuperar e reprogramar.

-O adianto é unha peza de folk-pop que pode lembrar a cousas como Sufjan Stevens.

-Non o coñezo. Non parto moito de referentes e non atopo a quen me parezo. Supoño que é unha mestura de todo o que vas vendo, pero non sei de onde parte. Nin esa canción, nin outras.

-Pode partir dos artistas que escoitaba de mozo cando decidiu facer música?

-Empecei escoitando pop e rock en español, facendo cancións que eran como un collage de todo iso. Todo ata que chegas a facer unha canción que non parte de nada. Ou ti non a conectas con nada. Supoño que é así. Eu escoito agora moito a Neil Young, Bob Dylan ou Wilco. Moitas cousas acústicas. Esta mañá, por exemplo, estaba escoitando Costuras de Guadi Galego, que é una marabilla.

-Criouse con música en castelán, pero faina en galego.

-Si, en inglés e en castelán.

-Non tiña moitos referentes en galego no seu estilo. Tivo que inventar esa música en galego?

-Si, a primeira referencia que atopo en galego foi Ataque Escampe. Cando os vin xa levaba escrito dabondo. Fixen cancións en castelán, pero non acababan de ter xeito, nin para cantalo, nin para escribilo, como en galego. Eu tiven un grupo con 18 anos no que eu non era o cantante, pero nel xa se cantaba en galego. Aí vin o meu xeito e do que era capaz. Da outra maneira, en castelán, hai esa vergonza que nunca consegues pasar. Eu penso, falo e vivo en galego, en castelán perdería toda a forza.

-Na súa folla de promoción sae un texto de Martiño Noriega, o exalcalde de Santiago. Descoñeciamos esa faceta de crítico.

-[Ri] Teño boa relación con Martiño, como creo que pasa con todos os músicos galegos. Entrou xa polo disco anterior, dicíndome que lle parecía moi bo traballo e dándome folgos. Eu co disco anterior estou contento, pero non é exactamente como quería.