Nos anos trinta do século pasado o escritor Gonzalo Torrente Ballester, que era mestre nunha academia de Ferrol, adoitaba viaxar con frecuencia a Santiago de Compostela para xuntarse con amigos e falar de todo un pouco. Nunha destas viaxes, pouco antes de que comezase a Guerra Civil, Torrente levaba canda el a edición das Obras completas de Góngora que acababa de publicar Aguilar. Un mozo que estaba no grupo colleu o libro e comezou a recitar os poemas do poeta a grandes voces na Quintana. Aquel rapaz chamábase Álvaro Cunqueiro e dicíase parente de Valle-Inclán.
Unha noite na que estaban a beber e a debater nunha taberna, Torrente observou como Álvaro se foi para un recuncho e, en tres ou catro horas, escribiu a súa obra Cantiga nova que se chama riveira, que logo recitou co seu forte acento galego. Desde entón a admiración entre os dous xa non deixou de medrar. Torrente foi concluinte en declaracións posteriores: «Escribiuna no medio do rebumbio e mantendo conversas cos que tiña arredor. A facilidade de Cunqueiro para crear só tiña comparanza coa de Lope de Vega».
En anos posteriores, Torrente Ballester subliñou que Cunqueiro tiña «o talento da simpatía, pois era extremadamente atraínte, feiticeiro, cativador e atraía á xente desde a primeira conversa». E engadía: «Eu doulle un gran valor á súa obra. Como escritor en galego, paréceme o primeiro. E en castelán está tamén nos postos de cabeza. Pouca xente sabía escribir coma el. Co paso do tempo, fóiselle facendo xustiza, pero morreu case descoñecido. Despois, foille chegando un recoñecemento xeral moi merecido».
No libro de Conversas con Gonzalo Torrente Ballester, que publiquei en 1983, o autor de La saga/fuga de JB aseguraba: «O meu mundo, a miña cultura, todo o meu, en fin, era tamén o de Cunqueiro. Os dous somos da mesma terra, temos a mesma conciencia do horizonte e comezamos a un tempo a escribir literatura fantástica. Así correu a nosa sorte». Mais Torrente apunta unha diferenza. O escritor de Mondoñedo botou man de mitos alleos, sen intentar crear ou recuperar os galegos. Torrente intentou isto, pero recoñecía: «Tiñamos que ter feito máis». Os dous, Cunqueiro e mais el.