Cunqueiro e Valle-Inclán

CULTURA

É ben sabido que don Ramón María del Valle-Inclán pasou o derradeiro treito da súa vida en Compostela, onde cumpriu 68 anos o 28 de outubro de 1935 e onde finou o 5 de xaneiro de 1936. Nese tempo, toda a Galicia cultural xirou sen parar arredor del, nunha mostra de recoñecemento intelectual simplemente incomparable. E un dos que andaba por alí era un mozo de vintepoucos anos que se chamaba Álvaro Cunqueiro e que comparecía daquela coma un fervente e ilusionado galeguista.

Cunqueiro foino visitar un día en Santiago e explicoulle que eran parentes lonxanos polos Montenegro de Cambados. Mais o creador dos esperpentos non acababa de dexergar claramente aquela relación familiar. O rapaz de Mondoñedo explicoulle entón que súa avoa paterna, Carmen Montenegro y Barcino, que vivía en Fefiñáns, era prima carnal da nai de don Ramón, que se chamaba Dolores de la Peña y Montenegro.

Tivo que abordalo outro día no Café Derby, onde don Ramón departía co doutor Devesa. O mozo de Mondoñedo describiu aquel momento coas seguintes palabras: «Achegueime a don Ramón respectuoso e emocionado. Recibiume, creo eu, cunha punta xentil de ledicia no dicir e no mirar, preguntoume por meu pai e polos meus tíos, e como o doutor Devesa me titulaba de poeta, interesouse polos meus versos. Varios días acompañeino en breves paseos pola Alameda e ata o sanatorio do doutor Villar Iglesias. Tiña, véxoo ben agora -dixo-, unha grande e saborosa ira civil, chea de togada dignidade; era dos que, para facer xustiza, póñense primeiro da parte da liberdade».

Cunqueiro recoñeceríao despois, inequivocamente, coma o escritor que máis influíu nel e sentenciou: «Do que, por escrito, eu teña aprendido doutros escritores , a maior parcela do ensino é a súa». E sempre o tivo o xenio mindoniense pola «máxima figura das letras en castelán desde don Miguel de Cervantes, outro fidalgo manco e desventurado, ata este día». É curioso que poucos estudosos de Cunqueiro se teñan detido ante unha seria consideración desta realidade tan atraínte e tan digna dunha reflexión analítica.