Da lingua nai


Cómpre ter ben claro por que á lingua dun país lle chamamos, desde hai moitos séculos, lingua materna e non paterna, lingua que falan, no país que sexa, os homes e as mulleres e, por tanto, os pais e as nais (nas terras de Lugo úsase «mai», forma máis próxima a «materna»). Pero non se lle chama lingua paterna: nin hoxe, nin onte, nin aquí nin fóra de aquí. Demóstrao ben o feito de que a Unesco celebra todos os anos, o 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna.

Desde hai bastantes séculos, en terras da provincia de Burgos, onde naceu o castelán, a este idioma chámaselle lingua materna e non paterna, aínda que, en calquera fogar burgalés -burgués ou proletario- o pai e a nai e os fillos e as fillas se expresen no mesmo falar. En efecto, desde hai moito tempo, a xente entendeu, en Burgos e noutros mil lugares do mundo, que o papel da nai foi, na transmisión da lingua, moi determinante.

Mentres os pais sachaban as leiras ou parolaban nas tabernas, as nais, grávidas durante nove meses, falaban e cantaban para quen aínda non era naipelo, e mentres os homes xunguían os bois ou conversaban na «tertulia» do barbeiro, as mulleres lactantes cantaban para as súas criaturiñas coa intención de alegralas ou de que Pedro Chosco non tardase en vir. As mulleres, tamén as novas, viviron séculos e séculos en sociedades -patriarcais- que «decretaran» que a súa obriga estaba no fogar, na casa, ou, como máximo, no eido, mentres os seus homes falaban, contaban, xuraban, esbardallaban ou conspiraban nas aforas dese estreito espazo doméstico. Nel, os nenos e as nenas estaban acotío baixo o maxisterio lingüístico da «mai». Por iso non foi desaxeitado chamarlle lingua materna.

Así as cousas, no verán de 1968, unha nena de seis anos chamada Xela Arias fala cos seus pais, nun «comerciucho» de Sarria (Lugo), en galego, na lingua nai, o que estrañou -e alporizou- á tendeira. Esta declarou que, se fose rapaz o protagonista da historia, nel sería aceptable o uso do galego. A conclusión desta proposta en favor do «idioma pai», coa peculiar alienación das mulleres, farase no próximo Beatus.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Da lingua nai