Xoán Curiel: «Compartir creación con alguén de 900 anos non deixa de abraiarme»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Treides comigo!» é o sétimo disco na traxectoria de Xoán Curiel
«Treides comigo!» é o sétimo disco na traxectoria de Xoán Curiel JUAN LUIS RÚA

O músico e Iris Gey reinterpretan as cantigas en clave contemporánea en «Treides comigo!»

22 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Treides comigo! Xoán Curiel e Iris Gey remóntanse varios séculos no pasado de Galicia para regresar cunha reinterpretación contemporánea das cantigas medievais. O disco, gravado nos estudios Gourmet Sound da Coruña e que se realizou ao abeiro do fondo de recursos culturais do Xacobeo 2021, ten o Camiño de Santiago como fío condutor dunha proposta que se apoia principalmente en instrumentos acústicos.

-Cal era o seu interese e coñecemento das cantigas medievais?

-Hai anos iniciamos un proxecto de cantigas a cantante Iris Gey e mais eu e foi o xermolo deste novo disco que presentamos. Iris ademais de cantar, aportou o saber filolóxico que eu non posuía. O meu coñecemento foi a mais a medida que topaba con outros trobadores e cantigas e lles ía poñendo música. O meu interese no ámbito da lírica medieval ten que ver con que me parece fascinante o feito de ter dispoñibles estas cantigas de tantos séculos atrás como materia prima de creación contemporánea. Por outra banda, aí aparecen tanxibles as orixes da figura do compositor e autor de cantigas co que me identifico. Tomar consciencia de que estou a compartir creación con alguén de 800 ou 900 anos atrás non deixa de abraiarme.

-Debeu de ser un reto adaptar estas pezas a un público e sonoridades contemporáneas mais sen perder a súa identidade ou esencia. Como acadaron ese equilibrio?

-Partimos da idea de traballar só con instrumentos acústicos e con certas sonoridades medievais (cromornos, cornos, arpa, dulcimer…). En calquera caso non pretendíamos que este disco tivese un carácter purista ou historicista de música medieval. A nosa teima foi a de actualizar ou renovar estas cantigas dende un certo achegamento ao espírito medieval, mais tamén dende unha liberdade creativa.

-A través das letras conectamos con xentes que viviron moitos séculos antes que nós: que nos contan da súa vida aos oíntes do século XXI?

-Cóntannos que ao fin ao cabo os temas raíz que preocupan e ocupan á alma humana non mudaron tanto ao longo dos séculos: o amor correspondido ou non, a morte, a sexualidade, a diferenza de clases, a mofa dun terceiro, a diversión…

-Musicalmente, hai variedade nas cantigas. Algunhas son máis atmosféricas, outras teñen un maior peso na percusión, que, une moi ben Idade Media, música tradicional galega e ritmos contemporáneos...

-Ese era un dos nosos obxectivos, non ter unha sensación drástica de corte temporal nestas cantigas, facer suave este salto no tempo. Por outra banda, tamén queríamos que cada cantiga tivese unha particular atmosfera e reforzar así musicalmente cada unha das historias que quedaron escritas. A percusión e as voces están moi presentes e axudan na unidade estilística e a voz de Iris Gey aporta unha cor moi especial no proxecto.

-Hai tamén un fío condutor, os Camiños de Santiago: un bo mapa para moverse na Galicia medieval, non?

-Si, dende logo. A través desta canle de peregrinación espiritual que tamén era canle comercial, o feito de compartir cantigas, música, cultura eu quero imaxinar que tiña que ser un feito moi ben considerado, un beneficio para todas as persoas.

-Hai tamén unha cantiga máis próxima a nós no tempo, a de Gonzalo López Abente.

-Neste disco hai dez cantigas do período trobadoresco e un poema moderno escrito no pasado século polo poeta muxián Gonzalo López Abente. Segundo me contaron, inspirouse nunha lenda medieval da zona de Muxía, concretamente da furna da Buserana. A lenda fálanos do amor entre o trobador Buseran e a bela Florinda. Cando pai de Florinda, un rico señor, sabe deste namoramento, pecha a Florinda na fortaleza, mais Buserán non se da por vencido e todas as noites entoa cantigas de amor para a moza. Finalmente o señor ordena a morte de Buserán lanzándoo, segundo conta a lenda, dentro da furna. Enterada Florinda vira tola e diríxese día e noite á beira da furna a chamar polo seu namorado. Un día, en resposta ás chamadas de Florinda escóitanse as melodías de Buserán saír da furna e, de súpeto, unha onda sube polo cantil tomando a forma do trobador e levando a Florinda para sempre.