A Santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo, ou polo menos así reza o dito popular que todos os galegos coñecemos ben. O lugar de Santo André está situado na serra da Capelada e pertence ao concello coruñés de Cedeira, ao pé dos maxestosos cantís de Ortegal, na proa do mundo. Un lugar que visito con frecuencia e que me asombra cada vez que vou. Procuro tamén ter bo coidado de non trepar ningún animaliño, xa que outra das súas tradicións populares é que eses bechos roldadores do lugar son as almas peregrinas dos que non foron en vida a cumprir co santo como indicaba a cantiga do comezo.
Santo André chegou, como moitos outros importantes santos galegos, nunha barca de pedra que segundo di a lenda envorcou contra os escarpados cantís. Dela, disque aínda se pode ver a quilla. Chegar nestas embarcacións é algo que só poden facer santas e santos milagreiros como Santiago ou a Virxe da Barca entre outros ao igual que sucede con santos importantes doutros lugares do Atlántico como Cornualles, Bretaña ou Irlanda, nunha das múltiples conexións con estes pobos irmáns. «Meu divino Santo André, que estás no cabo do mundo, solo por te ver meu Santo, tres días hai que non durmo», di outra das cantigas tradicionais.
En verdade a peregrinación ata aquel lugar é constante dende que así foi establecida por indicación divina. Cada 8 de setembro celébrase a popular romaría na que os devotos compren cos diferentes rituais entre os que están: beber da fonte dos tres canos, curiosamente, na actualidade, cun cartel de auga non potable; pedir os desexos ao santo e mercar as coloridas figuras feitas de miolo de pan cocido chamadas sandresiños que recrean distintos momentos da lenda, e, para quen o precise, apañar ou mercar a milagreira herba de namorar tan máxica para as cuestións de amoríos.
Santo André é un lugar máxico, sagrado e único. Porta ao alén e lugar patrimonial de todas as xentes que sintan devoción relixiosa, ou sinxelamente queiran agasallar os sentidos gozando dun espazo natural excepcional onde se funden maxestosamente o ceo, o mar, a terra e a intervención humana, sen dúbida a máis invasora e irrespectuosa.