Perspectivas de identidade

Cristina Pato
Cristina Pato POSTAIS MIGRATORIAS

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O reloxo de Roberto dá sempre a hora de Celanova. Tanto ten que leve máis de cincuenta anos vivindo e traballando en Nova York, ou que os seus netos xa naceran aquí, ou que xa non volva con tanta frecuencia coa que ía no pasado. Cando veu a Nova York, non veu para quedarse, e probablemente o seu reloxo sexa o único xeito que ten de seguir imaxinando a utópica volta a esoutra vida nesoutra terra que deixou.

Ás veces teño a sensación de que os emigrantes vivimos nunha paréntese continua. Unha paréntese que fai que o que tes aquí, no presente, sexa temporal «pois cando aforre un pouco máis volvo para Galicia»; e o que tes alí, no futuro, sexa tamén temporal «cando deixe Nova York farei unha casa na aldea».

O caso é que Roberto é un dos camareiros do Sevilla Restaurant & Bar, un local rexentado por Lloves e Bienvenido (tamén de Celanova) que se atopa no corazón do West Village. Un negocio no que, nun pasado non moi afastado, a meirande parte dos camareiros viñan directos de Celanova a Manhattan. E para min, escoitalos falar entre eles é coma unha viaxe no tempo. É fascinante ver como o Sr. Bienvenido conserva a nosa fala sen decatarse de que a súa é unha parte fundamental da historia da Galicia que nunca se escribiu. El, coma tantos outros nos países nos que a lingua é radicalmente diferente á nosa (EUA, Suíza, Alemaña...) conservan un xeito de estar e falar que transportan a unha ao momento histórico no que emigraron: o galego dos anos cincuenta, o galego dos sesenta, o dos setenta...

A memoria cultural da emigración é un mundo de seu. Son coma pequenas grandes cápsulas de tempo e de identidade que fan a unha reflexionar sobre a perda da memoria colectiva e sobre o inxente patrimonio exterior e intercultural que non sempre vemos ou entendemos. Traballos de investigación coma os de James D. Fernández e Luis Argeo («Invisible Immigrants: Spaniards in the US, 1868-1945») aportan unha fiestra pola que podemos reimaxinar algunhas desas historias de vida, e de paso ser testemuña de como se construía e reconstruía a nosa identidade na diáspora en cada momento.

Pero aínda queda moito para entender e aceptar o papel da emigración nas nosas vidas. Nós, os que emigramos, somos tamén eles, os que inmigran. E todas esas historias da emigración, historias sobre o complexo que é que acepten a unha nunha nova comunidade, repítense tamén en Galicia, pero do revés. Ás veces esquecemos que nós somos eles, e se cadra é así, con esa visión minguada cara a inmigración, como comezan os -ismos que enferman á sociedade, en especial o clasismo e o racismo.

O papel da nosa emigración na reconstrución cultural de Galicia foi importante a tódolos niveis: o noso himno, as publicacións literarias, as escolas indianas... Pero o papel da inmigración á Galicia actual non é menos importante: tódalas culturas que chegan a nós fannos crecer e aprender tanto coma as que nos acolleron. Fannos apreciar o mundo con outros ollos, e lémbrannos que os ciclos migratorios forman parte da historia de tódalas civilizacións, por moito que nos empeñemos en esquecelo.