Un rural en comunidade para ter futuro

Uxía Carrera, Andrea Álvarez, Sara Pérez A GALICIA RURAL DO FUTURO

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Pardeiro é de Filloval, unha aldea de Os Ancares de 35 habitantes. Ten 25 anos, é psicóloga e traballa entre Lugo e Sarria, pero vive na súa casa natal porque é onde está toda a súa vida. «A miña familia, os meus amigos, o meu mozo, as miñas raíces». Laura pertence a esa xeración de xente nova cunha formación que só se pode desenvolver nas cidades, pero que non desexa vivir nelas. É por iso que ansía un novo modelo de rural. A lucense reivindica a creación dunha rede de mocidade para que se poidan establecer nos pobos. «Temos moita inquietude por coñecer a outras persoas». Máis alá do espazo dixital que agora protagoniza a vida, Laura sostén que hai que crear unha comunidade física para que o medo á soidade e falta de vida social non sexa un impedimento.

Carlos Millares é de Moreda, unha pequena aldea de Seoane do Courel, que apenas conta con 30 habitantes. Ten 40 anos é leva toda a súa vida dedicándose ao rural. Dende sempre tivo claro que quería quedar no seu lugar de orixe e traballar o campo. «Traballar no rural ten que ser algo innato». Hai seis anos, puxo en marcha unha explotación con vacas como unha ferramenta para limpar os montes do Courel. Agora está inmerso nun proxecto de aldea modelo para a recuperación produtiva dun bosque de aciñeiras abandonado.

Pero a decisión de vivir no rural non a toman unicamente aqueles que senten a terra como parte da súa vida. Marcos Ferreira non ten ningún vínculo aparente co rural, pois naceu na cidade de Vigo hai 44 anos. Logo de rematar a carreira de Enxeñaría de Montes estivo vinte anos «dando voltas», como el di: «Quería asentarme nun sitio e dei cun paraíso, con Parada de Montes». Non existen lazos identitarios no caso de Marcos Ferreira, pero atopou un lugar no que desenvolver de forma conxunta o seu proxecto de vida e a súa profesión. Agora, grazas á inmersión no proxecto de aldea modelo, en Parada garanten a seguridade fronte os incendios forestais que ameazaban á zona.

O maior problema ao que se enfronta o rural galego é claro: cada vez hai menos xente. «E a que queda é maior», indica Millares. Pero outros, como o acceso inmediato á unha vivenda, a falta de actividades culturais ou a necesidade de desprazarse a outras localidades para acudir a un centro sanitario ou a unha farmacia tamén cargan de dúbidas e amosan dificultades para aqueles que queren mudarse ao rural. «É complexo para as familias, aínda que ti queiras asentarte no rural, se tes fillos veste obrigado a mudarte á cidade para acceder á educación e aos servizos sanitarios sen ter que desprazarte», indica Laura Pardeiro.

Para Carlos Millares, a ausencia de poboación supón un problema para traballar o campo: «Para sacar adiante as explotacións é indispensable o traballo en conxunto». A todo isto súmase a ausencia de axudas e innovacións para desenvolver novas formas de produción, algo que de non mudar pode supoñer a desaparición de zonas rurais pequenas como a de Moreda. «O rural que hai hoxe en día se non se cambia chegará a desaparecer».

A busca da riqueza no rural sumouse nos últimos anos ás novas correntes de produción: a ecoloxía e a sostenibilidade. A agricultura ecolóxica vese favorecida polas axudas europeas, permite subsistir mellor ás pequenas explotacións e precisa un investimento máis miúdo. Ademais, coincide en principios cos novos movementos sociais. Polo que é un imán para a xente nova que queira dar os primeiros pasos no traballo no campo. O director do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López, traballou toda a vida no campo, pero hai 20 anos que se sumou a este tipo de produción porque ten claro que é unha ferramenta fundamental para a captación de xente.

Laura Pardeiro, Carlos Millares e Marcos Ferreira son tres testemuñas non só de resistencia, senón de busca dun novo modelo do rural. Coinciden en que é o pobo o que debe, nun primeiro esforzo, implicarse na revitalización das aldeas despoboadas. Ven claro que facer comunidade é o futuro, tanto para o traballo como para unha vida social atractiva.