«Patakas»

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Múltiples son as pegadas dos galegos por todo o mundo. Dende ben antigo espallámonos por todo o planeta por moi diferentes motivos como se dun ditado bíblico se tratase. As distintas ondas da emigración foron o máis sanguento e tristeiro provocando desarraigo e deixando a Galicia sen un potencial humano vital e fundamental para o desenvolvemento do noso futuro. Os galegos, pobo mariñeiro por excelencia, levamos moito tempo movéndonos a través dos diferentes mares, participando en moi diferentes expedicións e deixando pegada aló por onde pasábamos.

Tal é o caso do acontecido coa expedición chamada de García Jofre de Loaisa, nome do mariño que a capitaneaba e que partiu do porto da Coruña no ano 1525. A expedición estaba formada por 450 homes, repartidos en sete naos e un patache. Moitos galegos entre a mariñeiría e a figura emblemática do mesmísimo Juán Sebastián Elcano capitaneando unha desas sete naves. O obxectivo da devandita expedición era facerse coas illas Molucas, ricas en especias, e reclamalas para a coroa de Castela. Mais todo foi un cúmulo de despropósitos e desastres e dos 450 homes que partiron só regresaron a España 24, entre os que xa non estaba Elcano, que perdera a vida nunha desas vicisitudes que marcaron a expedición. Unha desas naos era a Santa Lesmes perdida no pacífico en 1526 e da que xa non se soubo máis ata que descubriron os seus restos no século XX chegando algúns historiadores como Robert Langdon a especular sobre que os seus tripulantes sobreviviron deixando certas pegadas culturais e raciais pola zona. A tripulación desa nave estaba composta por 60 homes dos que a metade eran galegos e quizais foron os primeiros europeos que de forma accidental chegaron a aquelas terras do pacífico sur onde se instalaron definitivamente.

Séculos máis tarde cando navegantes como o británico James Cook, chegaron a aquelas latitudes descubriron con asombro que había indíxenas de trazos occidentais e tamén unhas construcións moi semellantes aos hórreos galegos, de planta rectangular, tellado a dúas augas, con pés e tornarratos que alí se chaman patakas, nos que os nativos gardan os alimentos que recollen das súas colleitas.