Sés: «O concepto de boa muller é vomitivo, por iso para ser libre hai que ser mala»

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SÉS NUN CONCERTO EN LUGO DURANTE O SAN FROILÁN 2019
SÉS NUN CONCERTO EN LUGO DURANTE O SAN FROILÁN 2019 Óscar Cela

A artista coruñesa presenta estes días o disco «Liberar as arterias», que honra á poeta Luz Fandiño

05 oct 2020 . Actualizado a las 10:32 h.

A trompicóns, como todos os artistas lastrados polas restricións do coronavirus, María Xosé Silvar (A Coruña, 1982) segue a presentar Liberar as arterias, o seu sétimo disco. A próxima cita será o 11 de novembro no Pazo da Ópera, de A Coruña. Alí cantará versos propios ou da poeta Luz Fandiño, a quen tributa no tema homónimo. Nel di: «Son a poeta daqueles que queren saír de escravos». Sés recolleuno porque considera que está na mesma liña: «Sei perfectamente quen son os meus, como canto noutro tema. Nin me trago a patraña da meritocracia, nin a da sociedade do benestar. Luz tamén foi unha escrava na emigración, porque unha escrava non é mais que unha traballadora non remunerada, que é o que ela foi. Eu débome a esa xente. Son a consecuencia diso, das mulleres que dixeron que querían votar, que querían aprender e que querían ir á Universidade».

-Quen son os teus?

-A xente que está a favor da igualdade. Unha persoa nunca debería ser menos nin pola cor da súa pel nin pola súa configuración cromosómica, nin pola súa renta per cápita. Por nada. A miña xente é a que pensa iso, pero como dicía Coco Chanel: a que o pensa en alto.

-Canta só para esa xente ou para todo o mundo?

-Para todo o mundo. Igual que eu escoitei a Violeta Parra ou a Víctor Jara de rapaciña penso que a xente o fará comigo. Canto para todos os que me queiran escoitar.

-Que lle parecería entón que fose fan seu un empresario de dereitas con ideoloxía neoliberal?

-E que eu son igual. Leo a Cela e a Schopenhauer, que era un misóxino. Disfruto de Vargas Llosa. Con estes tres señores estou nas antípodas ideoloxicamente. Un dos meus escritores favoritos é Paco Umbral. Renunciar a La familia de Pascual Duarte paréceme un erro. Ás veces, separamos iso. Aínda que sexas un empresario liberal podes ser un amante da arte e unha persoa sensible. Ás veces choca máis nunha persoa de ultradereita, pero pode selo.

-«Para vivir en liberdade hai que ser unha mala muller», canta.

-Dicía Simone de Beauvoir nos cincuenta: «Non se nace muller, chégase a selo». Que quería dicir esa frase? Que a construción da identidade feminina é social non biolóxica. Aínda hoxe en día ser boa muller é ser submisa, compracente, coidadora, tender á extrema delgadez... Hai unha serie de imposicións estéticas e de conduta que significan ser unha boa muller. E todas elas son humillantes. O concepto de boa muller actual é vomitivo, igual que o de sempre, non mudou. Por iso para ser libre hai que ser mala.

-Non pensa que as rapazas de 15 anos que se rebelan agora teñen un panorama moi diferente ao que tivo vostede a esa idade?

-Esas rapazas de 15 anos son a proba de que non cambiou. Como ben dis, estanse rebelando, algo que nós non fixemos, contra un canon determinado. Pero ese canon existe, non está derrubado. Por iso existe a rebelión.

-Cando era pequena e escoitaba a Violeta Parra e Víctor Jara sentíase interpelada?

-Si, completamente. Tiven a sorte de nacer nunha familia que me ensinou a pensar e me indicou que había que ler moito. Pero si que é certo que moitas desas ideas que me quedaron gravadas entraron por vía musical.

-Fala do mundo dos cantautores, pero existe un ala rock moi pronunciada na súa música. Que encontrou nel?

-O visceral e o latexar primario que había en artistas como Janis Joplin ou Joe Cocker. Esa xente crioume, porque os escoitei moitísimo. O meu técnico Xabier Ferreiro dime sempre que eu necesito rock n’ roll e dar unha patada. É unha cuestión física.

-Séntese libre canto canta?

-Agora mesmo si. Vas medrando cos golpes. Eu estou contenta. Os golpes non os borraría. Unha muller na música leva moitos, sobre todo se pretende ser igual que un home. Pero apréndese moito. Primeiro a dominar o teu enfado e a liberar as arterias. Despois a reconducir iso e convertelo en máis intelixencia, máis solidez e máis peso. Nestas situacións sempre hai unha cara e unha cruz. A cruz de pertencer a un colectivo oprimido todo o mundo a coñece. Pero a cara, teñan coidado. Como dicía Julián Hernández de Siniestro Total: «Tenemos un mensaje para la gente guapa, que los feos somos muchos más, así que tengan cuidado». Coidado con alguén que sufriu o suficiente como para ter menos que perder ca ti.

«Cargar contra a xuventude é unha actitude conservadora»

Nunha entrevista publicada en marzo no suplemento Fugas de La Voz Sés defendeu o trap e o reguetón e dixo sobre o rock e o punk que «música máis machista non a hai». Iso xerou reaccións indignadas das redes sociais. A artista explícase: «Hai músicas machistas de todo tipo: rock, salsa, a troba o flamenco. Todas son machistas porque todas están creadas por seres humanos e estes son machistas porque a sociedade é machista. Aquí en Galiza hai un grupo que fai dous anos saía cunha striper en pelotas sulfatándolle leite. Non era un grupo de reguetón, era de rock. Todos sabemos o nome. Iso é o que lle diría a xente das redes sociais. Eu non teño a culpa. Que non carguen contra unha xeración, porque todo tempo pasado foi anterior, nada máis».

-Pensa que a historia se repite?

-Os do swing criticaron aos do rock, os do rock aos do punk, os do punk aos do hip hop e estes aos do trap porque «no hay pueblo que no se haya creído el elegido», que di Jorge Drexler. Eu son maior pero non quero ser carca. Cargar contra a xuventude é unha actitude conservadora que xa está manida e que te converte no mesmo que un día te fixo sentir violentado. Eu diríalle a todos eses punks e rockers que escoiten, non que oian. Porque eu adoro a Janis Joplin, pero era unha tía moi machista. Ou Billie Holiday, moi homófoba.

-É un problema a idade?

-Eu entendo que non imos ter a ligazón emocional deles, pero deixemos aos mozos. Se non os queres escoitar, polo menos non os ataques gratuitamente. Están facéndoo moi ben, conseguindo cousas que non conseguimos nós. Hai que ser humildes. Ves a Boyanka Kostova ou Ezetaerre, grupos de homes, e non me parecen exemplo de machismo para nada. Si o parecen outras bandas de rock n’ roll de Galiza.

-Di que lle conmove que os nenos canten as súas cancións.

-A infancia é algo co que eu teño moitísima empatía. Aparte de ser moi neneira, danme moita pena os rapaces. Non só os nenos, senón os adolescentes. Todo o que se lle bota enriba. Parece que todo o fan mal. Primeiro poñémoslle os dispositivos na man e logo criticámolos cruelmente porque os usan. Así con todo.