03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de novembro do presente ano será o primeiro centenario do nacemento do escritor berciano Ramón González-Alegre Bálgoma, nado en Vilafranca do Bierzo e falecido en Vigo o 15 de setembro de 1968. Morreu novo, aos 48 anos, como Rosalía de Castro. Doutor en Dereito, exerceu como avogado en Vigo bastantes anos, pro pane lucrando (para manter os seus cinco fillos), pero este berciano foi sempre un home de Letras, un escritor apaixonado. Eu diría que o seu compromiso íntimo foi coa literatura, onde -cómpre telo en conta- foi un home polémico e polemizante. Escribiu en castelán e en galego, e como escritor en lingua galega hai que enmarcalo na serie dos cultivadores en galego que iniciou en 1861 Antonio Fernández Morales co seu libro Ensayos poéticos en dialecto berciano. En Vilafranca nacera, accidentalmente, o pontevedrés Martín Sarmiento, frade bieito moi significativo no Prerrexurdimento das Letras galegas.

González-Alegre foi, tamén, un activista da causa literaria, capítulo no que cómpre salientar a creación da revista Alba (Vigo, 1948), onde se deron a coñecer nomes da poesía galega tan importantes como Bernardino Graña. Tamén deu a coñecer a poesía galega contemporánea nunha Antología, en edición bilingüe, que publicou en Madrid a prestixiosa colección Adonais (1959). Libro con páxinas orixinais e interesantes foi o titulado Poesía gallega contemporánea (1954), co que algúns críticos polemizaron, igual que coa Antología.

O seu primeiro libro en galego, de 1961, conta na poesía da época, como contan algúns poemas soltos, seis dos cales foron antologados no volume Escolma da poesía galega contemporánea, da que foi responsable Francisco Fernández del Riego. Traduciu do alemán (ou por lingua imposta?) o poema de Rilke Requiem prá morte dun neno. En galego, ademais de poeta, foi dramaturgo, autor de pezas interesantes no panorama da época. Con vocación clara de ensaísta, pouco amigo de tópicos, hai un libro que aborda temas das nosas Letras: Por entre el arpa y la saudade (1965).

Este escritor berciano ben merece unha gran celebración e unha sólida monografía.