«A illa das mentiras», de Paula Cons, premio Xacobeo no OUFF

O filme da realizadora compostelá sobre o naufraxio en 1921 do Santa Isabel e as heroínas de Sálvora chega hoxe aos cines

H. J. P.
redacción / la voz

A edición 25.ª do OUFF (Ourense Film Festival) outorgou o premio Xacobeo á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o certame a Paula Cons pola súa longametraxe de ficción A illa das mentiras. A organización enxalzou «o talento, o tesón e a profesionalidade da súa autora, uns valores nos que se ven representadas tódalas mulleres do audiovisual galego que loitan por ocupar un lugar destacado no panorama nacional e internacional». Así o destacou a acta da comisión -na que participan a Xunta e a Deputación de Ourense- que concede un galardón -é a primeira vez que o entrega- dotado con 12.000 euros, contía que, dixo o presidente da deputación, Manuel Baltar, «afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego». Tamén quixo destacar a figura de Cons e a súa especial vinculación a Ourense, xa que foi a directora de Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego e a cinta Lobos sucios, da que foi guionista e produtora, abriu o OUFF do 2015.

Segundo Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais, o galardón «é o recoñecemento aos profesionais do audiovisual galego e ao papel das mulleres».

A historia e a ficción

A ficción permite revelar circunstancias que os feitos deixan na sombra. A historia constata que na madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o buque Santa Isabel, con 260 pasaxeiros a bordo e destino Bos Aires, afundiu fronte ás costas de Sálvora. Tres mulleres da illa, María, Cipriana e Josefa, conseguiron salvar a 48 persoas, o que as converteu en heroínas... ata que alguén espallou o rumor de que roubaran aos cadáveres. As homenaxes transformáronse en sospeitas e receos.

A película de Cons (Santiago, 1976) recrea aquela traxedia pero tamén busca encher ocos. Como se sentiran aquelas mozas, ás que a traxedia deixaría como pegada un shock postraumático, só que sen diagnosticar e sen que os seus sentimentos ou vidas importasen demasiado. Esa é a perspectiva que adopta a realizadora, tamén guionista do filme, a das tres mulleres, interpretadas por Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Elas son o centro da acción, que parte do impacto que supón o naufraxio nas relacións sociais da illa. Deste xeito, a historia non queda só na traxedia, senón que é esta mesma a que desencadea unha serie de circunstancias que achegan múltiples dimensións ao filme. Por exemplo, o rol da muller ou a situación case feudal na que viven os colonos de Sálvora, con ecos que emparentan A illa das mentiras con Los santos inocentes.

Paula Cons concibiu a produción en clave de thriller, o que engade outra capa máis, inequivocamente cinematográfica, ao resultado. Na mesma noite que acontece o naufraxio suceden outros feitos graves na illa. Un xornalista arxentino, encarnado por Darío Grandinetti, desprázase a Sálvora para emprender unha investigación que irá abrindo vías.

A rodaxe desenvolveuse ademais nos mesmos escenarios nos que transcorreu a historia real na que se inspira libremente, unha experiencia complicada para o equipo -Sálvora forma parte do parque nacional Illas Atlánticas- pero que achega unha calidade diferencial notable ao traballo e a estética do filme.

Estreas e coloquios

O filme estréase en cines das grandes cidades galegas e en salas de vilas como Marín, Leiro, Cee, A Estrada e, loxicamente, tamén Ribeira. Ademais, a directora ten previsto asistir a coloquios en diversas sesións. Polo de agora, está confirmada a súa presenza hoxe en Lugo (Cinema Códex, sesión das 18 horas) e en Ferrol (Cines Dúplex, sesión das 19.30 horas), e mais mañá en Santiago (Numax, sesión das 17.40 horas).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A illa das mentiras», de Paula Cons, premio Xacobeo no OUFF