O Santo Graal

CULTURA

15 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise que o Graal foi a copa empregada por Xesús Cristo na última cea. Tamén que Xosé de Arimatea recolleu con el o sangue de Cristo que brotaba da ferida que o centurión romano Lonxinos lle fixera no costado cando aquel estaba amortecendo na cruz. Unha das múltiples historias conta que xa resucitado Xesús encargoulle ao mesmo Xosé que levase o Graal á illa de Britania, onde se mesturaron a interpretación cristiá e as tradicións célticas propias. E de aí a gran teima que o rei Artur e os seus cabaleiros tiñan por atopar esa peza sagrada con supostos poderes extraordinarios.

A palabra deriva do termo latino gradalis, que vén sendo como un prato ancho e fondo. E talvez sexa, tamén, unha posible interpretación cristianizada dos antigos caldeiros sagrados da tradición celta. O ciclo artúrico -ou materia de Bretaña- fíxose moi popular por toda Europa, e por suposto tamén en Galicia. Influíu na nosa lírica popular e tamén no estilo de moitos escritores galegos contemporáneos. A bandeira histórica de Galicia é portadora dunha interpretación do Graal, e temos tamén no Cebreiro, nun dos lugares máis emblemáticos e simbólicos do Camiño de Santiago, unha antiga lenda directamente relacionada cun suposto Graal.

A lenda conta que Xan Santín, veciño de Barxamaior, nunha dura noite de invernía subiu a escoitar misa como facía habitualmente. Debido ao temporal foi o único veciño que acudiu, e no momento da consagración o crego, asombrado, exclamou: «Cal vén este outro con semellante tempestade ver un anaco de pan e un pouco viño». Nese mesmo intre, a hostia converteuse en carne e o viño en sangue ante o estupor de dúas testemuñas alí presentes.

Dende aquela o cáliz está exposto no altar da igrexa de Santa María, e esa lenda foi espallada polos peregrinos franceses e alemáns por toda Europa, chegando aos ouvidos do propio Wagner -hai quen di que se inspirou nela para compoñer a súa obra Parsifal-. Sexa como for, nós seguimos á súa procura, porque o Graal, en forma de copa ou non, está estreitamente ligado á busca permanente de algo que probablemente transcenda o puramente material.