O viaxeiro Borges

CULTURA

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se luciu o xurado sueco do Premio Nobel de Literatura cando lle negou o seu galardón a Jorge Luis Borges. De feito, é a historia do premio a que saíu perdendo, incompleta con esta ausencia, porque o arxentino «era a literatura mesma», como reiteraron críticos e colegas de letras. Trinta anos despois da súa morte, fíxose en Madrid unha exposición que reunía máis de 300 publicacións e obxectos persoais do gran creador literario arxentino, e outra vez se repetiu a denuncia da inxustiza sueca.

Borges é aínda un gran descoñecido, que cada vez vai sendo descuberto por máis lectores, e isto é así porque cada vez está máis claro que el -quizais máis ca ningún outro- «renovou a linguaxe da ficción, abrindo así o camiño a unha xeración de novelistas hispanoamericanos», como dixo J. M. Coetzee (e referendou Umberto Eco).

Máis acerto que os suecos tívoo o xurado do Premio Formentor, que lle foi outorgado en 1961 xunto ao gran dramaturgo Samuel Beckett, o rei do Teatro do Absurdo. A inxusta falta do Nobel non lle restou recoñecemento internacional, nin afastou a Borges da súa vocación literaria, e tampouco lle restou seguidores moi fieis e moi numerosos en todo o mundo.

Pero se cadra o máis rechamante do caso é que nin a ausencia do Nobel nin a súa propia cegueira física lle impediron ser un gran viaxeiro internacional. De feito, estímase que aínda viaxou máis tras perder a vista, nos seus avanzados 50 anos. Viaxes por países americanos e europeos (incluída a nosa Galicia), que terminaron co seu traslado a Xenebra (Suíza), onde viviu na Gran Rue do casco vello, e onde morreu o 14 de xuño de 1986.

De certo, o viaxeiro Borges tiña unha peculiaridade que o distinguía. Viaxaba polo gusto de viaxar -así o afirmou el-, e mesmo pasou o ano 1923 en España. Pero a realidade da súa paixón viaxeira tiña unha particularidade que o diferenciaba: «O meu corpo físico pode estar en Lucerna, en Colorado ou no Cairo, pero ao espertar cada mañá, ao retornar o hábito de ser Borges, emerxo invariablemente dun soño que ocorre en Bos Aires. Eu son irreparablemente, incomprensiblemente, porteño». Un porteño internacional. Certo.