Miguelanxo Prado intérnase no fantástico con «O pacto do letargo»
02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A liña que separa os mundos do real e o imaxinario pode ser moi feble mais tamén invisible. Porén, se un ten a ollada adestrada, pode albiscar sinais que permiten intuír e mesmo acceder a universos de fabulación. Símbolos coma os trísceles, palabras escritas con alfabeto rúnico -non en van a súa etimoloxía remite a «misterio»-, dolmens e antas, forman parte deses códigos e figuran, dun xeito ou outro, no novo cómic de Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958).
O pacto do letargo. O tríscele roubado supón unha incursión nese eido do fantástico, que o autor relaciona con ese «balance constante entre o real e o imaxinario» que caracteriza a obra de Cunqueiro, entre outros, así como unha certa idea panteísta que está presente na cultura galega. Hai, de fondo, unha reflexión de carácter ecoloxista, aínda que Prado subliña que «hai xente máis combativa e que fai ese traballo moito mellor» e que a súa historia busca «atopar unha especie de denominador común» para reflexionar arredor da relación dos humanos coa natureza. «Hai moito que discutir nisto, pero hai datos dos que non se pode escapar: as especies que se extinguiron pola acción humana, por exemplo; fomos nós», sostén. O pacto do letargo nin lanza consignas nin prédicas, senón que emprega a aventura e o marabilloso para «remover esa conciencia común» sobre as nosas relacións como especie co entorno. «O obxectivo ideal sería que un negacionista tivese dúbidas», sorrí.
Prado sorrí de novo ante a comparación de O pacto do letargo coa película A princesa Mononoke -que leva implícita outra comparación, co mestre Miyazaki-, pero o símil é válido no uso do fantástico para abordar unha relación conflitiva entre humanos e natureza, con símbolos da cultura xaponesa que neste caso chegan da galega. Trísceles e dolmens, figuras como a do demo -cun papel destacadísimo na historia-, que funcionan «case coma unha sinaléctica, balizas que sitúan de xeito moi rápido» e que transfiren parte da súa significación a lectores alleos. «Nós medramos cos dolmens e forman parte da nosa paisaxe cultural. Quizais un australiano non os identifica como tal, pero posúen unha transcendencia e se pode intuír o seu valor, o seu carácter místico. Temos unha especie de sensibilidade compartida, uns referentes globais, e reaccionamos de xeito semellante», reflexiona o historietista.
Outro trazo característico de O pacto do letargo é a súa proposta estética, que se axeita ao seu contido. «Tiña claro que non quería volver a un tratamento tan pictórico como en Ardalén», recoñece o debuxante, quen no seu libro anterior, Presas fáciles, acompasou un expresivo uso do branco e negro á investigación policial que relata. Os criterios que segue para a formulación visual permiten achegarse tamén á súa concepción artística. «Volvín trazar con liña de tinta, algo que, curiosamente, elimina parte da emotividade do discurso, que era central en Ardalén», describe. «A liña obxectiviza e a mancha é máis subxectiva, deixa espazos á interpretación do lector», engade. A cor tamén desempeña un papel importante, non tanto como en Ardalén, onde páxinas e viñetas se enmarcaban en tons intencionados, pero si responde á historia, onde destacan o verde, os penedos e a auga. O deseño de personaxes, cun tratamento «pétreo», completa a proposta artística.
Diversas edicións internacionais
O pacto do letargo xa iniciou a súa andaina internacional, con edicións en francés, holandés e portugués. En agosto aparecerá en castelán (Norma) e galego (Retranca), lingua na que tamén aparecerán algúns materiais adicionais á obra. Está prevista unha presentación no marco do salón coruñés Viñetas desde o Atlántico, que este ano celebrará unha edición máis reducida entre os días 17 e 23 de agosto, mentres que a distribución en librerías será a partir do 27 deste mesmo mes.
Á volta do verán aparecerá a edición alemá e xa está en preparación a italiana, aínda sen data de publicación. Miguelanxo Prado encargouse da rotulación das edicións castelá e galega, así como da francesa, pero preferiu non repetir a experiencia esgotadora de Ardalén: as palabras de todas as versións no alfabeto latino saíron da súa man, mesmo en linguas que inclúen grafías ás que non estaba afeito e que supuxeron todo un reto.
Estes días Prado traballa nun novo caso dos inspectores Tabares e Sotillo, que fixeron a súa primeira aparición en Presas fáciles. Se naquela historia o argumento xiraba arredor dos casos das preferentes e os desafiuzamentos, o historietista buscou de novo inspiración na actualidade, xa que o cómic en curso aborda a pornografía infantil. Unha actividade criminal e dunha catadura moral da peor clase, á que Prado se achega non na súa parte máis «arrepiante», senón nesas «contornas que favorecen esa clase de feitos».