Concertos de noutrora

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ollando fotografías dos concertos que se están a facer nesta nova normalidade, véñenme a memoria aqueles aos que teño acudido e participado ao longo da miña vida. E desexando que o que está a suceder non sexa máis que un pesadelo pasaxeiro, toca pacientemente agardar.

Lembro o concerto da banda americana de heavy metal Uriah Heep, no ano 1977 nun ateigado pavillón dos deportes da Coruña, cun son contundente nun recinto pouco agraciado en acústica. Mais daquela, na miña adolescencia, o son era o de menos, sobre todo porque era a primeira vez que viña á nosa cidade unha banda destas características e porque foi o comezo dunha longa andaina de concertos multitudinarios na Coruña. Pouco despois chegaron The Ramones coa banda ourensá Los Suaves como grupo convidado, e este foi outro daqueles momentos históricos na historia musical da nosa cidade pouco afeita a este tipo de eventos e estéticas. No mesmo recinto vin moitos máis concertos como os de Serrat, Camarón de la Isla, Alan Stivell, Orquesta Mondragón, L.E. Aute, Barón Rojo... Xa no Estadio de Riazor e con mellor acústica, fixéronse aqueles míticos concertos dos 1000 anos cunha escolma do máis selecto da música do momento. No mesmo lugar foi aquel marabilloso concerto de Miguel Ríos presentando o seu Rock&Ríos que marcou unha época. Prince viñera a Coruña e actuara no colexio Santa María do Mar, á beira da ría o mesmo día que Madona facía o propio en Vigo. Sen esquecer o primeiro concerto dos bretóns Gwendal na Coruña, nun ateigado Teatro Colón e cunha magnífica acústica, e os emerxentes e multitudinarios festivais galegos como o de Ortigueira ou a Festa da Carballeira en Zas.

Pero ata día de hoxe a nai de todos os concertos dos realizados na contorna coruñesa e atrévome a dicir que en Galicia en canto a participación popular, foi o que o 31 de xullo do 1999 se fixera na praia de Santa Cristina con Mike Oldfield como cabeza de cartel, os irlandeses The Coors e nós, Luar Na Lubre. Momento inesquecible para a historia musical de Galicia da que o mestre Nonito Pereira foi o mellor dos seus mellores cronistas.