Alboradas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

21 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das melodías da música tradicional para gaita que aínda se mantén viva na actualidade é a alborada. Segundo o musicólogo don Casto Sampedro y Folgar, as alboradas quizais son procedentes de antigos cantos ao Sol, á Aurora ou ao abrente do día. Son composicións musicais con características propias e relativamente doadas de identificar por calquera persoa minimamente afeita a escoitar músicas de gaita, igual que o pode facer tamén cunha muiñeira.

Hai moitas alboradas tradicionais moi interesantes recollidas en cancioneiros históricos como o recollido polo musicólogo don Xesús Bal e Gay ou o que fixo o mesmo don Casto Sampedro y Folgar, e tamén composicións máis modernas baseadas nestas estruturas que a caracterizan.

A máis coñecida sen dúbida é a Alborada Galega máis popularmente chamada Alborada de Veiga, composta polo ilustre músico mindoniense Pascual Veiga e que foi estreada por primeira vez nos Xogos Florais de Pontevedra baixo o título de A Estrela Cruñesa, nome da poesía de Francisco María de la Iglesia sobre a que foi desenvolvida a coñecida melodía. Arriba que a aurora comeza a pintar, a luz que namora na terra e no mar reza o primeiro verso que tantas veces lle teño escoitado cantar ao meu avó e que dicía que outras tantas o tiña escoitado na súa Cuba querida a outros compatriotas galegos seus emigrados alí.

As alboradas tamén existen en moitos outros lugares e culturas do mundo e sempre coa mesma connotación sagrada de culto ao sol. Alén do xa dito, as alboradas son tamén as tocatas previas antes da misa os días de festa. Un antigo ritual co que os gaiteiros, casa por casa, van anunciando que estamos a celebrar que comeza un día sinalado no calendario anual. Cada casa, como é tradición, corresponde como pode e entende; con cartos, bebidas, xantares, etcétera, e así mantense vivo algo que nestes tempos de distanciamento social e pouca festa é moito de agradecer.

Os meus fillos nestes días, ben cedo, saen de alborada cos seus compañeiros de grupo, como xa fixen eu noutros tempos, e ben seguro que alegraron máis de un corazón.