Aínda somos

CULTURA

26 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia vivimos rodeados dunha natureza desbordante. Moitas veces non nos damos nin conta e outras ata parece que nos molesta e incluso incomoda. Temos un clima fantástico de temperaturas lenes cun nivel de humidade alta proporcionada polas choivas que nos entran dende o Atlántico, esa beizón en forma de océano que nos protexe e axuda a manter os nosos ceos limpos de contaminación grazas tamén a que os seus ventos son case que constantes. Estamos, como dicía o poeta, deitados fronte ao mar. Ese Mar Maior das cantigas medievais aínda inzado de peixe, tesouros e marabillas, mentres que nós seguimos empeñados en facer del unha esterqueira. A cor predominante na Galicia da primavera-verán é o verde das diferentes vexetacións que se torna en ocre ou marrón no outono-inverno, sobre todo nas provincias interiores onde os bosques autóctonos seguen a ser maioritarios. Hai tantos matices e tanta variabilidade nas cores que se se fan incontables e iso é un magnífico indicador de vida. A vexetación e a flora de Galicia son tan heteroxéneas e complexas que converten a nosa terra nun lugar autenticamente paradisíaco, alén dos monocultivos para rendemento económico dos nosos montes coa súa parte problemática.

Con todo, temos un mundo de especies autóctonas que deberíamos coidar e fomentar por respecto á terra e porque tamén poden ser rendibles sen agredir os diferentes ecosistemas. É espectacular ver aínda antigas fragas de carballos, bosques de bidueiros e soutos de castiñeiros centenarios convivindo cos non menos importantes e vistosos ameneiros, salgueiros, teixos, acivros, abeleiras, capudres, etc… Neses espazos onde aínda se acubilla esa derradeira fauna autóctona milenaria. Lugares que son unha mostra do que fomos e que por sorte aínda somos, e aí é onde temos que incidir para que isto non desapareza definitivamente. Agora que estamos nesta encrucillada de camiños deberíamos de entender a importancia de preservar a nosa contorna. Saber o que significa gozar do legado recibido dende tempo inmemorial, coidalo e non transformar o mundo nun lugar onde todo se move en base a sacar unicamente réditos.