Na vida, aínda en situacións menos excepcionais e dramáticas, cómpre dispoñer, cando menos, dun anaquiño de pantrigo, aquel pan branco e mol que os rapaces non moi pobres da aldea comiamos os domingos e festas de gardar nos primeiros anos da Posguerra. Dito doutro xeito: en días tan duros como os presentes, convén ter un compañeiro -ou compañeira-, palabra que provén do latín serodio com-panio, que fai referencia á acción de comer do mesmo pan, tal como explica o mestre Corominas. Haberá algo máis solidario, máis fraterno, que comer, na man dun amigo, uns anaquiños do seu propio pan? Haberá algo máis irmán que comer, nas mans dun achegado, unhas farangullas do seu pan, non sempre moi abundante? Eses son os compañeiros: os verdadeiros compañeiros, as verdadeiras compañeiras. Hoxe, nesta insólita corentena, hai compañeiras e compañeiros que, lonxe de ofrecérennos un anaco de pan quente e ben levedado, pousan na nosa man un consello orixinal, un verso agasalleiro, unha canción reconfortante ou unhas palabras cunhas faíscas moi luminosas; tamén libros de certos autores que lembran o recendo dos moletes de pan albeiro.
Eu, desde hai tres semanas, estou en óptima compaña: teño como compañeiro constante os catro volumes da Obra completa de Antonio Machado, vello amigo que me acompaña, desde mozote, co pan e o compango dos seus versos e das súas excelsas páxinas en prosa. En realidade, teño estes catro volumes como obra de cabeceira non só polo pracer da enésima lectura, polo pracer de sentir o alento compañeiro de don Antonio, senón polo afán de escribir un libriño -unha especie de manual- sobre a súa condición de acompañante e compañeiro: de cidadán e de escritor que miles e miles de españois, nomeadamente na mísera Era de Franco, nos debruzamos sobre os seus textos (moitos editados fóra de España) á procura do seu pan xeneroso e confortante, á procura dun pan que nos facía compañeiros para sempre.
No manualiño proxectado -e xa iniciado- trato de lembrar as veces que petei na porta da casa de don Antonio e que petei por educación pois a súa porta sempre estaba aberta para quen demandaba unha raioliña de luz, para quen demandaba un anaquiño de pan, que sempre era pantrigo que acababa de saír, quentiño, do forno da súa intelixencia e do seu corazón. Era un consolo e unha fartura do espírito comer na man daquel home!
Certo día, oínlle recitar ou rezar estes catro versos do seu Retrato ( un autorretrato): «Converso con el hombre que siempre va conmigo / -quien habla solo espera hablar a Dios un día-, / mi soliloquio es plática con este buen amigo / que me enseñó el secreto de la filantropía». Nese día aprendín para sempre que, se un fala consigo mesmo a fondo, comprométese, tamén a fondo, con algo que está máis alá do eu, tantas veces egoísta; comprométese coa filantropía, que é, en idioma grego, o compromiso (o amor) cos homes, coa xente toda, sobre todo cos que non teñen pan nin sequera os domingos e festas de gardar.
No meu libriño falo un pouco dalgúns machadófilos galegos, nomeadamente de José Landeira Yrago, un dos homes de máis erudición literaria na Galicia do XX. Eu gardo del unha alfaia bibliográfica: o seu nadal de 1950 cun fragmento dun poema do que, despois do último verso, consigna o nome do autor: San Antonio Machado. Nunca, antes, ninguén canonizara ao noso poeta, ao noso eterno compañeiro.