Cartas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

real academia galega

Teño por costume atesourar todo o que entendo que me pode servir ou considero importante polos motivos que sexan. Así e todo, cada certo tempo gozo de me mergullar entre estes recordos para redescubrir vellos tesouros e tratar de que o acumulado non se converta nun problema.

A verdade é que teño cousas que son ben antigas, dende un xadrez que me regalaron cando apenas tiña dez anos ata as coleccións de selos que fun colocando en gastados álbums e aí permanecen, indicándome o implacable paso do tempo. Gardei tamén ducias de cartas, daquelas que se escribían a man e que marcaron diferentes tempos da miña vida. Cartas de amigos que marcharon estudar fóra ou que por diferentes motivos migraron a outros lugares. Cartas de diferentes amores e desamores ou de persoas que, por desgraza, xa non están. Tamén da miña época de radioafeccionado e das comunicacións que facía con diferentes lugares de España e do mundo grazas a aquela emisora autoconstruída que máis tarde cambiaría por unha gaita.

O caso é que aí están esas cartas e hoxe parece algo estraño velas escritas a man reflectindo boa parte da personalidade de quen as escribía. Para min é marabilloso poder velas e lelas; analizar as diferentes caligrafías e os xeitos de expresión e o humano que era todo iso. E non digo que facelo cunha máquina, ordenador ou calquera outro sistema non sexa humano, pero si que hai unha importante perda de sensacións que crean unha distancia emocional.

Eu fun daqueles que perfeccionou a súa escritura por crer na importancia da estética e por ser un amante dos manuscritos medievais nos que todo isto tiña relevancia. Agora escribo nun ordenador e cando teño que facelo a man teño a sensación de que me costa traballo xa que todo o que fago, agás asinar e raras excepcións, vai a través dun teclado.

Por certo, xa non lembro cando recibín a última carta manuscrita e cóstame traballo lembrar cando e a quen lle enviei eu a última. É unha mágoa, mais os tempos son os que son e marcan os camiños, que non son precisamente propicios para determinadas cousas, e esta é unha delas.