Galegos no Tortoni


O Café Tortoni de Bos Aires, no número 825 da Avenida de Mayo, ten unha gran tradición cultural, quizais porque veu sendo moi frecuentado por escritores e pintores ilustres case desde a súa inauguración en 1858. De feito, quizais comezou cunha concentración casual de intelectuais que, co paso dos anos, aumentou coa presenza estranxeira, sobre todo española (e maiormente galega).

Porque por este ilustre café porteño, famoso polo seu chocolate con churros, pasaron moitas figuras que aínda agora nos fan volver a ollada sobre a Belle Epoque parisina. Polo Tortoni desfilaron figuras estranxeiras coma Einstein, Ortega y Gasset ou Federico García Lorca, moitos arxentinos do grupo La Peña que lideraba Benito Quintela Marín, con actos de difusión cultural nos que participaron escritores e artistas coma Jorge Luis Borges, Roberto Arlt, Arthur Rubinstein, Alfonsina Storni, Juana de Ibarbourou, etcétera. Uns dos máis habituais fora o grande Carlos Gardel, que finou nun accidente aéreo en 1935, e tamén o poeta Raúl González Tuñón.

Pero o que eu quería evocar aquí era un grupo que ten a particulariedade de estar formado por galegos e que acudían alí, xuntos ou por separado, porque xa acreditaran ter unha capacidade de integración moi sobresaínte en Bos Aires. Estes artistas foron Laxeiro, Colmeiro, Díaz Pardo, Julia Minguillón, Maruja Mallo e Seoane, entre outros. En definitiva, que por alí pasaron algúns dos grandes do movemento renovador da pintura galega, que aínda non terminou de medrar na nosa memoria, quizais porque non acabamos de comprender a súa forza e a súa orixinalidade creativa (antes, durante e despois da Guerra Civil). Eu imaxínoos no Tortoni coa súa ollada esperta e a súa curiosidade irrefreable a rebordar os límites do seu propio pasado, mais sen romper con el. Porque nestes pintores estaba toda a necesidade de medrar artisticamente unindo as orixes co futuro, é dicir, sen soltar nunca unha man dun pasado granítico e sen deixar de estender a outra cara a un futuro que os provocaba desde París. Aqueles pintores galegos que ás veces coincidían no Tortoni aprenderan a pedalear e xa non había xeito de detelos. Por iso a súa obra está aí, medrando aínda, porque non esgotou o seu percorrido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Galegos no Tortoni