Mudan os tempos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

¡Como cambian los tiempos, Venancio! ¿Qué te parece? Dicía aquela vella canción de Los Compadres de Cuba que tan popular se fixo por estas terras. E vaia se mudaron os tempos que non os coñece nin a súa nai. Lembro escoitar as miñas primeiras músicas en cintas casete daquelas de rebobinar cos bolígrafos e que se encerellaban cada dous por tres atragoando o pobre e sufrido aparello reprodutor. Tamén aqueles vinilos en formatos de 78, 45 ou 33 revolucións trillados polas agullas bravas dos, naqueles tempos, modernos pickups que acababan facendo verdadeiros regueiros de tanto trillar nos discos. E se vou un chisco máis atrás, sendo aínda un neno, lembro como estraguei a patadas un gramófono da miña tía Remedios que acabara na terraza da miña casa da Gramela sen que ninguén me ensinara a darlle valor a aquela antigalla marabillosa.

En fin, os tempos mudaron e a miña colección de 3.000 casetes e 2.000 vinilos conseguida con verdadeira paixón e aforros investidos pasou a ser algo obsoleto e antigo coa chegada do formato dixital chamado cedé, moito máis práctico e con mellor son, a priori. E quedei pasmado vendo que facer con todo isto que parecía estar condenado a ir para o lixo ou encher andeis. E que me parece? Pois paréceme unha magoa pero os tempos mudan e muda todo o que vai con eles. E agora, anos máis tarde, aquel moderno formato cedé está tamén a piques de desaparecer, e a miña colección, que non é pequena, quedará acompañando aos seus antepasados vinilos e casetes á espera dun novo xeito de escoitar música que probablemente nin sequera será físico como foi ata o de agora, e de novo, volta a comezar.

Pero todo debe seguir camiñando, evolucionando e desconcertándonos, ata o inimaxinable. Ás veces parecéndonos que mellora e outras que non é tanto así, pero nada está parado e iso non é malo, o malo é ir quedando fóra do ritmo que marcan os tempos que son tan rápidos que é difícil seguir o paso que eles pautan ou que en realidade estamos nun punto tan desenfreado que o inmediatamente pasado xa está obsoleto. E a vós, que vos parece?