24 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chove e non para de chover, e que teñamos os pozos e os encoros cheos de auga é unha gran riqueza porque a auga é vida e nós precisámola. Pero imos para dous meses que non dá tregua e isto xa empeza a ter connotacións de diluvio. Secar un pouco entre borrasca e borrasca tamén é moi bo para poder, como mínimo, descansar.

Eu son home atlántico e amante da choiva, pero debo recoñecer a miña fartura. Estes días escribiume un amigo dende a Bretaña e dicíame que alí estaban igual, que lles choveu este tempo a cantidade de auga que normalmente soe caerlles nun ano enteiro e atribuía o fenómeno ao posible cambio climático, supoño que algo diso haberá.

Estes días anteriores estiven en Madrid. Gústame pasealo e gozar das súas rúas nas zonas menos ruidosas, mais pouco puiden, e de tres paseos que dei, papei dúas boas molladuras das que xa non lembraba en tempo. A volta para Galicia fíxena en coche moi tranquilamente ata a subida de Valcarce a Pedrafita, onde me tiven que agarrar ao volante con forza porque o vento abaneaba o coche coma se fose un vimbio. A verdade é que pasando esas magníficas pontes que nos comunican coa meseta ata levei medo por non saber moi ben como reaccionar coa alerta vermella en forma de vento furacanado. Doíanme os brazos de suxeitar o volante de maneira tan tensa e ese tramo de algo menos de 200 quilómetros ata Coruña fíxoseme máis longo do que esperaba.

Por fin xa na casa, e por mor do temporal, foise a luz varias veces de xeito intermitente ata que nunha destas marchou e non volveu en horas, e co lume da cheminea prendido, todo o val onde vivo totalmente a escuras só nos faltou botar uns contos para lembrar aquela fermosa tradición de falar ao caloriño do fogar, pero tiña un compromiso e tiven que saír deixando a casa a escuras. Tardei varias horas en voltar e ao chegar estaba todo ben, é dicir, con luz, e aí é onde un se bota a pensar e cuestionar o pouco que sabemos facer, no mundo en que vivimos, si nos quitan ese invento que nos proporciona tanta comodidade como é a electricidade que por certo, tanta producimos en Galicia a base de vento e de auga e da que tanta se exporta para Madrid.