Xosé M. Núñez Seixas: «Ao nacionalismo español democrático fáltalle un definitivo consenso antifranquista»

O historiador foi distinguido este martes co galardón do Ministerio de Cultura polo libro «Suspiros de España»

El historiador gallego Núñez Seixas
El historiador gallego Núñez Seixas

redacción / la voz

O libro Suspiros de España (Crítica) deulle este martes a Xosé M. Núñez Seixas (Ourense, 1966) o Premio Nacional de Ensaio, convocado polo Ministerio de Cultura e dotado con 20.000 euros. O xurado elixiu a obra por «trazar una historia del nacionalismo español en sus diversas corrientes y manifestaciones a lo largo de la Edad Contemporánea. Siendo una obra que se apoya en una densa trayectoria de investigación, destaca por su esfuerzo de síntesis y de claridad expositiva, así como por su rigor». «O nacionalismo español é parecido á grande maioría dos nacionalismos de Europa occidental», advirte Núñez Seixas, quen percorre o seu nacemento entre finais do século XVIII e principios do XIX, «cun carimbo fortemente liberal», ata hoxe, a través das súas combinación con moi diversas cosmovisións e ideoloxías.

-No seu libro examina como o nacionalismo español se define perante outros externos, pero tamén en relación aos internos.

-Sí, claro. Porque o nacionalismo español, sobre todo dende comezos do século XIX, si que se caracteriza, debido ao progresivo illamento internacional de España e ao pouco protagonismo da súa diplomacia, por ter inimigos externos pouco salientables ou notables. Hai momentos. Por exemplo, contra os Estados Unidos na guerra do 98. Hai un certo sentimento latexante contra Gran Bretaña polo tema de Xibraltar. Pero nunca teñen a entidade que teñen outros inimigos externos no caso doutros nacionalismos europeos, o francés ou o alemán, por exemplo. En troques, o nacionalismo español despois do 98, nomeadamente a partir da primeira década do século XXI, vive obsesionado cos arredismos, cos separatismos internos. É un nacionalismo obsesionado cos seus inimigos internos.

-Unha situación que volve ao primeiro plano coa cuestión soberanista de Cataluña.

-O que estamos vendo en Cataluña o que fai é florecer unhas ideas, un sentimento que estaba aí, pero que agora se radicaliza, en parte porque se retroalimenta coa propia radicalización do catalanismo.

Hai dúas variantes do nacionalismo español que non acadaron un consenso definitivo arredor dos símbolos

-Menciona tamén a adopción de símbolos non sempre consensuados no nacionalismo español. Os corenta anos de ditadura tiveron unha influencia poderosa.

-Absolutamente. Dende a Guerra Civil hai unha escisión profunda, que realmente xa empeza coa Segunda República. Digamos que hai dúas variantes do nacionalismo español que non acadan un consenso definitivo arredor dos símbolos. Hai momentos nos que parece que o poden acadar, por exemplo, no ano 81 e 82, comezos dos 90, cando a bandeira roxigualda empeza a deixar de verse como unha bandeira franquista por parte da esquerda, cun escudo constitucional. Pero, por exemplo, a Marcha Real nunca concita entusiasmo, nin sequera entre moitos dos seus defensores. Os falanxistas nos anos 30 e 40 non gustaban da Marcha Real para nada, considerábano un himno monárquico. Isto tamén existiu e existe noutros nacionalismos. Agora, no caso do español ten unha longa pervivencia. Eu penso que é unha cuestión aberta que a Transición democrática non acabou de resolver.

-É un problema que se esgrime a miúdo: o peso dese pasado e os seus símbolos nos nacionalistas españois democráticos.

-Eu diría que a esquerda ten un certo problema para definir a súa españolidade de maneira proactiva, en parte porque depende dun repertorio simbólico que non considera propio. Claro, o reproche dende a dereita é: «non facemos uns excluíntes, simplemente usamos os símbolos, por que non os usan vostedes?». Aí entramos nunha discusión interminable.

-Para un historiador debeu de ser moi interesante ver o que pasou estes días nun deses símbolos por excelencia, o Valle de los Caídos, coa exhumación de Franco.

-Obviamente. Primeiro, porque era unha anomalía democrática que debía ser resolta dalgunha maneira; quizá non se resolveu da maneira ideal, tardouse demasiado, o consenso debía ter sido algo maior. Pero, doutra banda, certa tepidez por parte dalgúns partidos, mesmo algúns que se din liberais, arredor da cuestión, dá que pensar. Creo que manifesta algo que lle falta ao nacionalismo español democrático, á idea de España como nación democrática e constitucional, que é un definitivo consenso antifranquista. Unha tradución do consenso que existiu noutros países de Europa occidental despois de 1945.

-Co gallo do pasamento do historiador Santos Juliá, falouse de como vía a interpretación do século XX para abordar o noso presente. Non sei se concorda, se ten outra visión...

-Claro, teño a miña propia visión. Aprendín moito dos libros e das conversas con Santos Juliá, que era un historiador de primeira magnitude, un monstro, digamos, da historiografía do século XX, que ademais temos o orgullo de que naceu en Galicia, aínda que non predicaba moito de galego. Hai que dicir que nalgúns temas, por exemplo, todo o relativo á identidade nacional e os nacionalismos, eu non sempre coincidía con Santos Juliá, pero basicamente estou de acordo con el no substancial.

-E como cre que os historiadores do futuro abordarán este comezo do século XXI?

-Pois como unha época na que aínda estamos por saber se o sistema da segunda restauración borbónica, o que algúns chaman o sistema do 78, entrou en crise, ou se simplemente sufriu un reaxuste. O momento no que unha crise económica devastadora puxo en cuestión moitos dos fundamentos dos consensos democráticos existentes en España dende o 78 e o momento no que ademais se abriu unha fractura xeracional, territorial e social. De todas maneiras, sigo a pensar que non está aínda de todo claro se ao que asistimos é unha crise dese sistema político creado na Transición ou se asistimos a un reaxuste.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xosé M. Núñez Seixas: «Ao nacionalismo español democrático fáltalle un definitivo consenso antifranquista»