O voo das sementes

antonio méndez / X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Tomás e Yolanda Castaño, nunha firma de exemplares doutro libro que fixeron conxuntamente hai uns anos
Xosé Tomás e Yolanda Castaño, nunha firma de exemplares doutro libro que fixeron conxuntamente hai uns anos PACO RODRÍGUEZ

Yolanda Castaño e o ilustrador Xosé Tomás afondan no mundo natural a través da súa nova obra conxunta

19 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A orixe do Frankenstein ou o moderno Prometeo, da escritora Mary Shelley, relaciónase coa súa estadía na Villa Dodiati durante tres días. Xunto co seu marido, Percy Shelley, visitou esta casa suíza onde residía naquel intre o famoso poeta inglés Lord Byron. Entre escuridade e longas conversacións, aflorou a idea dunha das novelas de terror máis coñecidas. No castelo escocés de Hawthornden, nunha ambientación semellante a esta escena do romanticismo inglés, a poeta galega Yolanda Castaño escribiu, durante setembro do 2016, o libro que vén de publicar o selo Embora: Sementes viaxeiras. «Unha oportunidade ­-afirma a compostelá- para poder afastarme da zona de confort e das obrigas cotiás, sentíndome escritora as 24 horas do día».

A obra, enmarcada na colección infantil e xuvenil Fardel dos soños, relata, nun ton poético, o espallamento das sementes a través dos seus desprazamentos por «vía aérea, acuática e terrestre», conta Castaño. Unhas viaxes semellantes, metaforicamente, ás que emprenden as persoas ao longo da súa traxectoria: «A vida, as nosas accións e as nosas relacións co medio e cos outros son sementes que imos deixando ao noso paso e que algún día van xermolar», explica a poeta.

A importancia da natureza

Co fin de acadar un rigor científico nos seus versos, Castaño explica que recorreu á súa nai, bióloga de profesión, quen a «forneceu de toda esa documentación previa dos tipos de sementes que existen e os medios de transporte que empregan para se espallar». Exercicio que ao ilustrador da obra, Xosé Tomás, lle esixiu «moito esforzo» co fin de alcanzar a fidelidade nos seus debuxos.

Sementes viaxeiras achégase ao mundo vexetal para reivindicar a alianza do ser humano con este universo: «É unha mágoa, está habendo un desprazamento cara ás cidades moi notable, que fai que as crianzas perdan o contacto coa natureza. Un dos puntos fortes da nosa cultura», sostén Castaño. A conexión entre a contorna natural e os galegos é esencial, tal e como asegura a escritora: «Na nosa terra atuamos ás arbores, tratámolas de ti. Forman parte case que da familia». Este vínculo reflíctese no propio proceso creativo da obra: «O contorno verde e arborado que presenciei en Escocia, sentíndome coma na casa, axudou a que a concepción do libro fose máis fluída», apunta Castaño.

A ilustración: ir máis alá

Yolanda Castaño e o debuxante Xosé Tomás converxen na súa idea acerca desta peza artística: «A ilustración non debe reproducir fielmente o que di o texto, senón que debe ir máis alá e ser unha obra nova». Polo tanto, Tomás enriquece o volume con imaxes «máis identificables» que as sementes, como poden ser persoas ou animais.

Empregando características do cómic, as imaxes do ilustrador xogan cos planos: curtos para achegar ao lector a unha realidade en particular, como as sementes, ou panorámicos, dotados dun estilo cinematográfico, para «salientar o contexto», expón Tomás. Unha unión de texto e debuxo que procura a sonoridade tanto nos versos como na ilustración. Sen esquecer o ton didáctico, presente nun segundo plano para que o cativo, en primeiro lugar, soñe e goce coa lectura.