A Coral de Ruada


Souben da Coral de Ruada hai moito tempo a través das súas gravacións discográficas e tamén polas versións que teñen feito das súas músicas diferentes artistas galegos como Milladoiro, Treixadura, Cristina Pato entre moitos, e tamén internacionais, como o británico Andrew Cromshaw.

A calidade desta coral centenaria, que xa cumpre 101 anos de vida é indiscutible; tamén é de loar o teimudo labor a prol da recuperación e dignificación do folclore galego entendido dende a súa impecable visión e interpretación.

A Coral foi creada en Ourense no ano 1918 baixo unha clara vocación cultural da que derivan diferentes vertentes como a musical ou a teatral, cunha formación inicial mixta de trece homes e cinco mulleres, foi presentada en público o 24 de xuño de 1919 na súa propia cidade. Non vou a escribir do seu amplo currículo de concertos, recoñecementos, premios e xiras porque todo iso xa está dito. Só quixera destacar o valor fundamental que tiveron formación s destas características para os cimentos da música galega actual, xa que logo foron, e son, fonte de inspiración, ao tempo que posuidores de importantísimos fondos e arquivos históricos e musicais dun incalculable valor. Un traballo titánico moitas veces non recoñecido nin tratado como realmente merece.

No ámbito persoal coñecinos no ano 1997, cando con Luar na Lubre gravamos unha versión da súa Cantiga de Falván dentro do traballo Plenilunio facendo unha versión «folk» desta antiga melodía tradicional ourensá. Neste tempo comezaron os primeiros contactos que nos levaron a participar conxuntamente en diferentes eventos e a colaborar asiduamente. E así foi como intimei con toda esa familia de boa xente que conforman na actualidade este colectivo herdeiro dun magnifico legado centenario inmenso e aberto, traído aos nosos días con plena dignidade e bo facer.

Deles podería dicir moitas cousas, pero nesta tarde de verán tiven un bo recordo unha vez máis, e quixen deixar por escrito este sinxelo e sincero agarimo dende a amizade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
44 votos
Comentarios

A Coral de Ruada