Luís Faro: «Son próximas, pero o portugués e o galego non son a mesma lingua»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

«Se na fin de século só existisen unha ducia de idiomas, o portugués seguramente sería un deles», di Faro, presidente do Instituto Camões

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ás veces canto máis preto estamos máis pensamos que temos tempo», di cun sorriso Luís Faro, presidente do Instituto Camões dende hai case dous anos e que estes días acomete a súa primeira visita institucional a Galicia.

-Sempre se fala de que Galicia e Portugal son o mesmo país..

-[Interrompe] A verdade é que non é así dende o noso punto de vista. Hai unha proximidade moi grande entre a lingua portuguesa e a lingua castelá, e hai unha proximidade aínda maior entre a lingua portuguesa e a lingua galega. Camões é un instituto que ten como responsabilidade a promoción e o ensino da lingua portuguesa no estranxeiro. Asinamos un acordo coa Xunta no 2015 e agora temos unha rede de profesores nosos e unha rede de profesores galegos que ensina portugués. Damos formación a eses profesores, porque unha das principais preocupacións do Camões é a calidade no ensino do portugués.

-Defende que a lingua portuguesa en Galicia ten que considerarse estranxeira?

-É evidente que hai unha proximidade maior e claro que é moito máis fácil para un alumno galego aprender portugués que para un que non é galego. A tarefa está facilitada, o que non quere dicir que o portugués non sexa ensinado como unha lingua estranxeira aquí.

-Non son a mesma lingua.

-Non son a mesma lingua. Teñen moita proximidade pero non son a mesma lingua.

-A candidatura de Carvalho Calero para as Letras Galegas trae á actualidade o debate sobre o reintegracionismo.

-Eu aí non podo ter opinión, porque non son galego. Digamos que estou do outro lado da fronteira [ri]. Entendo, porque sei que hai unha discusión en curso, pero obviamente non interferimos nin é o noso papel facelo.

-Logo está a Lei Paz Andrade.

-En Galicia temos uns números de ensino cada vez máis robustos. No 2018 tiñamos no ensino básico e secundario 2.647 alumnos a estudar portugués, nas escolas de idiomas 3.702 e no ensino superior preto de 2.500. Se sumamos todo temos preto de 10.000 alumnos aprendendo portugués en Galicia.

-Son unha das grandes comunidades lingüísticas do mundo, con 270 millóns de falantes.

-Na fin do século, a ONU ten unha estimación de que serán máis de 500 millóns e o interesante é que o grande foco da lingua portuguesa vaise trasladar de América Latina, do Brasil, para África, para Angola e Mozambique. A poboación de Angola e Mozambique vai medrar moito e a demografía en Portugal e Brasil vai descender. Neste momento, polo mundo enteiro temos máis de 200.000 persoas a aprender portugués e hai tres ou catro exemplos de grande crecemento. Un deles é España, e tamén Estados Unidos e China. No multilingüismo de hoxe o inglés é unha lingua importante, pero o portugués tamén.

-Supón o inglés unha ameaza?

-Non, creo que hai espazo para máis dunha lingua global. O inglés é sen dúbida unha lingua global e vai seguir séndoo, non sentimos que o portugués estea ameazado, porque a xeografía mundial ten zonas de crecemento diferentes e o portugués ten un potencial para medrar moito en África e tamén en Asia. Hai espazo para máis dunha lingua, e sei que se na fin do século só existiran unha ducia de linguas o portugués seguramente sería unha delas. O inglés, o portugués, o árabe, o español, son linguas globais que continuarán a existir pero o portugués ten o seu lugar e marxe de crecemento.

«Queremos dar máis densidade e intensidade á colaboración co Consello da Cultura»

Luís Faro participou na primeira das sesións do Foro Inés de Castro, unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que afortala as relacións entre a cultura galega e a portuguesa, e, ademais, vén de anunciarse a próxima posta en marcha dunha exposición sobre os 500 anos da travesía de Elcano e Magallanes na que se poñerá de relevancia o papel dos navegantes galegos nesa xesta.

-É unha ocasión perfecta para vir a Galicia e tratar doutros asuntos, ademais de participar con moito gusto neste foro de Inés de Castro. Temos un encadramento institucional, que é un protocolo que asinamos no 2010, pero en realidade queremos dar unha dinámica nova. Non quere dicir que non se teña feito nada antes, fixéronse cousas e temos moi boa colaboración co centro cultural en Vigo, pero cremos que a intensidade da nosa relación pode ser maior e estamos aquí a pensar en novas vías de colaboración.

-¿Cales?

-A diáspora galega e a portuguesa cruzáronse, coincidiron, conviviron, tiveron os mesmos problemas e necesidades e contribuíron e continúan a contribuír para o enriquecemento da cultura e da lingua portuguesa e da galega e por tanto é unha vía de colaboración que queremos desenvolver. Outra son asuntos transversais e que están de actualidade: as mulleres, a especificidade das mulleres e a educación para o desenvolvemento e a cidadanía. A cultura é moito máis que a lectura duns poetas e escritores dun lado e doutro. O cadro institucional está aí dende o ano 2010 pero nós queremos dar máis densidade e intensidade á nosa relación.