Asturies

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre que vou a Asturies, que acostuma a ser con frecuencia, síntome como se non saíra de Galicia, e é lóxico pola grande similitude: a orografía non varía demasiado e a vexetación é practicamente a mesma, porque o clima, se non entramos en grandes detalles, é moi parecido.

O verde predomina e entra con descaro no mar, os vales son profundos e a sensación de espazo das paisaxes de interior sobrecolle e emociona. As montañas, das que poden gabarse arreo, son espectaculares, maxestosas, e imprimen carácter, porque trazan con contundencia unha paisaxe que sen dúbida inflúe no comportamento e a actitude das xentes que habitan eses territorios.

Do occidente máis próximo, con tradicións e fala similares, ata o oriente xa lindando con Cantabria, Asturies é unha terra espectacular cunha historia admirable e con xente orgullosa de seu, capaz de amosalo sen complexos. In situ coñecín a cultura da sidra e a súa importancia, na que converten unha humilde bebida tradicional de orixe milenaria nun símbolo de identidade do que se gaban e polo que loitan, dende hai anos, para que sexa declarado patrimonio inmaterial da humanidade do mesmo xeito que a fascinante arte prerrománica asturiano, xa recoñecida dende 1985 pola Unesco.

Asturies, terra irmá con tradicións semellantes ás nosas, onde a mitoloxía representada por xanas, trasgus, cuelebres ou nuberus crea un vencello directo co mundo celtoatlántico, e as súas músicas, coas antigas e espectaculares tonaes de gaita e voz, o Pericote de Llanes, o Corri-Corri de Cabrales, as danzas primas ou as muiñeiras son outro dos trazos identitarias incuestionables.

Pero quizais o máis importante sexa a lingua, pola que moitos asturianos e asturianas loitan dende hai anos a prol da súa oficialidade, xente coa que me sinto identificado por reclamar algo lexítimo que debería ter o recoñecemento institucional que lle corresponde por ser un importante patrimonio, igual que a variante do galego falada en toda a franxa occidental desta querida e admirable terra irmá.