Ana Romaní reivindica o poder da escoita, da muller e da lingua galega

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CULTURA

A noiesa ingresou na RAG ocupando a cadeira que deixara vacante Xohana Torres

07 abr 2019 . Actualizado a las 13:23 h.

A xornalista e escritora Ana Romaní ocupa desde onte a cadeira da Real Academia Galega (RAG) que quedara vacante trala morte de Xohana Torres. O acto de ingreso tivo lugar na súa terra, Noia, desde onde reivindicou a escoita fronte á xordeira, o papel das mulleres historicamente invisibilizadas e o galego, non só como canle de transmisión, senón tamén como xermolo dun pensamento propio.

O discurso de ingreso de Ana Romaní na RAG foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o colectivo. Coa súa antecesora -á que cualificou como «símbolo de decidida navegación e ousadas travesías»- sempre presente, a noiesa homenaxeou ás mulleres que permaneceron na escuridade: «No século XIX compútanse máis de 150 escritoras en Galicia. Para que o poema de Rosalía de Castro se escoite con esa absoluta inclinación do corpo, atendendo, foi preciso que outras falaran por baixo, andaran polos cuartos pechados dunha memoria de escasa escoita das voces delas».

Tamén falou Ana Romaní como xornalista para reclamar unha radio e unha televisión públicas e comprometidas: «Non son só medio de comunicación en galego, deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país e, polo tanto, deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación, de estruturas organizativas que garantan a súa independencia».

Aposta polo común

Nun coliseo Noela ateigado de xentes da cultura e tamén de veciños, a académica de número Margarita Ledo foi a encargada de darlle resposta a Ana Romaní, cunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da súa nova compañeira de plenario, que ten entre os seus recoñecementos o Premio Nacional de Periodismo Cultural. Dela destacou o seu desexo de comunidade, «un devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional».

Ana Romaní recibiu a medalla e o diploma correspondentes de mans do presidente da RAG, Víctor Freixanes, que se amosou ledo por levar a institución polo país con esta parada na vila de Noia e tamén por recoñecer o labor «dunha poeta, dunha activista cultural que leva moito tempo comprometida con Galicia e dunha comunicadora».

O mesmo coliseo Noela que onte era testemuña do ingreso na RAG de Ana Romaní vía en silencio, no 2003, como Xohana Torres interviña nunha homenaxe a outro noiés, Antón Avilés de Taramancos, ao que aquel ano se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. Aos dous recorreu Ana Romaní no seu discurso, poñéndoos como exemplo de persoas que souberon escoitar, tanto como poetas como nos programas de radio que gravaron a un e a outro lado do mar.

Xa avisou ao comezo da súa intervención Ana Romaní que a voz que ía falar vibraba «na resonancia doutros corpos e outras bocas, restos que son presenza, emoción que me acompaña. Do seu pulo é esta garganta». Comezou situando ao seu carón a Xohana Torres, sinalando sentirse máis que honrada de ocupar a súa cadeira: «Os seus son actos que por sempre me comprometen».

Logo dispuxo moi preto dela a Avilés de Taramancos, o seu veciño, converténdoo na figura decisiva do seu tear da escoita do poético: «Del quixen aprender a atenta percepción do que soa por vez primeira». Lembrou as conversas con el, as lecturas e as noites de taberna: «Entre unha ración de crioulo e outra de luras, trazaba os signos estelares, a grafía máis viva do poético, con acentos únicos do Cauca».

Noia, na que todo o escoitou e supuxo a súa primeira comunidade de alianzas e de accións; a súa avoa Manuela, «unha das primeiras informantes que botou algo de luz á miña fascinación adolescente pola figura de María Mariño», e un feixe de autoras, tanto históricas como contemporáneas, acompañaron a Ana Romaní no seu gran día.