Ava Gardner

CULTURA

01 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante anos busquei a pegada da actriz Ava Gardner por todo Madrid e gravei moitas conversas con testemuñas da súa presenza naquela illada España franquista. Entón aínda non se publicara ningún libro sobre a súa etapa madrileña e cada descubrimento que eu facía producíame unha enorme ledicia, con gravacións magnetofónicas hoxe xa imposibles de conseguir pola desaparición das propias testemuñas. Por que non acabei escribindo esa historia? É difícil de explicar, pero a clave está na absorbente dedicación xornalística que nunca me permitiu liberar tempo abondo para poñerme con iso. Así fun vendo como outros me adiantaban, mentres eu recuaba camiño dalgún abandono.

Lembro todo isto para acreditar algunha capacidade á hora de xulgar a serie de Paco León titulada Arde Madrid, que ilustra os trece anos de Ava Gardner en Madrid (1955-1968) e aquela España pobre, illada, pero non triste. E debo recoñecer (aínda que sexa a posteriori) os méritos da obra porque, á parte de todo o inventado sen ningunha necesidade, ofreceunos un perfil verosímil do real, do que pasou e de como foron aqueles tempos arredor da actriz en España. Pero o resultado é máis un retrato daquel tempo de miserias, recheo de personaxes marxinais, que unha ilustración sobre a realidade da actriz (entre outras cousas, porque se prescindiu do real profundo das verdadeiras razóns sentimentais de Ava Gardner para quedar en Madrid).

Porque non é certo que dedicase todo o tempo á xolda con guitarristas xitanos e cantantes de flamenco. Máis ben sucedeu ao contrario: que un Madrid recheo de casetas e tablaos de flamenco se converteu no seu espazo predilecto para pechar os días con festas rachadas. Pero logo estaba o resto das xornadas. Estaba o Frank Sinatra que veu buscala con moi malos modais e que non conseguiu que regresase con el aos Estados Unidos. Estaba o grupo de americanos en Madrid, cos que compartía xuntanzas. Estaba o toureiro-rei Luis Miguel Dominguín, co que viviu unha paixón desatada. Estaba Ernest Hemingway, co que compartía comidas e unha fonda amizade, non en van traballara en tres filmes baseados en obras del. E tamén foi entón cando coprotagonizou a película 55 días en Pekín, rodada nos estudos que levantara Samuel Bronston en España e que por un tempo converteron Madrid nunha capital internacional do cine, con moita xente de Hollywood indo e vindo, e cun innegable protagonismo internacional.

Pero nada disto lle interesaba a Paco León e o seu equipo. E así, sucedeu ao cabo que a Ava Gardner non se lle fixo xustiza, nin como actriz nin como persoa. Paco León quería un pretexto para ilustrarnos sobre un mundo marxinal cheo de historias suburbiais da España daquel tempo franquista, e aí quedou a cousa. Nin profunda, nin divertida, pero tampouco desprezable.