«Paixão gaúcha»

CULTURA

14 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Confesso que ando muito cansado, sabe? Mas um cansaço… diferente… Um cansaço de não querer mais reclamar, de não querer pedir, de não fazer nada, de deixar as coisas acontecerem». A brasileira -pauleira- Lygia Fagundes Telles, a quen coñecín en 1990 no Canadá, e a quen lle lin unha novela extraordinaria, As meninas, levada despois ao cine, chamoulle ao autor do parágrafo anterior «o escritor da paixão». Non me resulta nada estraño que Lygia, simpatiquísima, aguda e atenta a todo con noventa e moitos anos, cualificase así a Caio Fernando Loureiro de Abreu -Caio Abreu-, nado en Santiago (Rio Grande do Sul), terra de poetas, en 1948, o fotógrafo da fragmentación contemporánea que escribiu de todo, en portugués do Brasil, ao longo da súa curta vida. O xornalista Tom C. Avendaño descríbeo así: «Miúdo, delgadiño coma un fío, gastaba lentes de metal sobre uns ollos encovados, afundidos no rostro, inquisidores». Era o que non se debe ser en cada momento. Perseguido por crítico pola ditadura militar (1964-1985), foi abertamente homosexual nos setenta e nos oitenta, enfermou de VIH nos noventa e matouno a sida en 1996. Hoxe, no Brasil de Jair Bolsonaro, é un mito. Escasamente traducido ao castelán, Caio fixo contracultura no Brasil antes de que esta se estendese como moda en Europa. Posuía unha habelencia innata para a escrita limpa e sabía contar, manexábase nunha linguaxe directa. A melancolía e unha visión tráxica do mundo non lle impediron internarse con éxito no camp e no pop. De aí o resultado: unha magnífica mestura, atractiva e conmovedora amalgama con brochadas de mordaz ironía. Teñen dito dil que soubo ser tenro nos tempos do punk e descaradamente queer, escandaloso e provocador fronte á reacción hipócrita. O ímpeto visceral, unha angustia sen imposturas, o medo á soidade e a súa valente relación coa sida convertérono, dúas décadas despois de morto, nun referente literario. Aínda que pareza contraditorio, dado o triunfo político dos que preconizan ideas baseadas no racismo, no machismo e na homofobia, as novelas e os libros de relatos de Caio Abreu son demandados por unha grande parte da xeración on line. Quizais perdure o sorriso, «esse que resistirá a todas as ciladas do tempo e do homem».