A vellez e a morte

CULTURA

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa cultura fala máis da idade que da vida, quizais porque todos desexamos chegar a vellos aínda que sexa negando selo, é dicir, sen aceptar que se estea xa nese espazo da retirada sen volta. Quizais por iso moitos rexeitan ter chegado xa aló.

Grandes escritores dedicaron sisudas reflexións a esta parte da vida. Pitágoras, Cicerón, Sófocles, Cervantes, Shakespeare, Quevedo, entre os de antes. Nietzsche, Poe, Kafka, Hemingway, Faulkner, Unamuno ou Antonio Machado, entre os máis próximos. Todos ollaron a vellez cara a cara, descubrindo tamén as súas vantaxes. Porque, como dixo o propio Unamuno, «nunca un home é demasiado vello para recomezar a súa vida, e non temos que buscar que o que foi lle impida ser o que é ou o que será». O cineasta Ingmar Bergman tamén aportou o seu: «Envellecer é como escalar un monte: mentres se sobe as forzas diminúen, pero a mirada é máis libre, a vista máis ampla e serena». Porque o mozo coñece as regras, pero o vello sabe as excepcións.

Non obstante, a morte é admitida coma ese punto final inexorable da vida. «Así como unha xornada ben empregada produce un doce sono -dixo Leonardo da Vinci-, unha vida ben usada produce unha doce morte». Pero non hai unanimidades neste terreo do insondable. O revolucionario Robespierre sostiña que «a morte é o comezo da inmortalidade», mentres que Mario Benedetti reducíao a que, «despois de todo, a morte e só un síntoma de que houbo vida». A actriz Marlene Dietrich, desafiante e altiva, preguntaba e respondía: «¿Medo á morte? Un debe temer a vida, non a morte».

Logo están os sabios que aprenderon a ollar o horizonte sen inquedanzas. Francis Bacon dicía que meditara moito sobre a morte e que atopara que era «o menor de todos os males«. Tolstoi aseguraba que «a morte non é máis ca un cambio de misión». O Nobel portugués José Saramago afirmaba que «non me preocupa a morte: disolvereime na nada». Moito antes ca eles, xa Confucio sentenciara que «se aínda non sabemos que é a vida, ¿como pode inquedarnos a esencia da morte?». Miles de anos de culturas e civilizacións aínda non abondaron para fixar a relación entre o ser humano e o seu final. E aí seguimos.