Iván Nespereira retrata as pegadas dos galegos do caucho no Amazonas

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ivan nespereira

«Nueva Galicia» vén de ser elixido un dos mellores libros do ano por PhotoEspaña

13 jun 2018 . Actualizado a las 12:18 h.

Na segunda metade do século XIX, unha parte dos galegos que emigraron rematou por asentarse en Iquitos, no corazón da Amazonía peruana, ao abeiro da crucial industria do caucho. Estreado o século XXI, o fotógrafo Iván Nespereira (Ourense, 1978) atopábase nesta zona -onde Herzog rodara Aguirre e Fitzcarraldo- cando no barco no que viaxaba coincidiu cunha familia de orixe galega. «Era unha cidade moi remota para o que habitualmente asociamos á emigración», lembra Nespereira. Así que, levado pola curiosidade, ampliou a súa visita afondando nese pasado, cando chegaron os galegos para traballar na economía secundaria que propiciou a industria do caucho. Deste xeito naceu Nueva Galicia, un proxecto fotográfico que se desenvolvería ao longo de nove anos e catro viaxes máis á Amazonía. Nespereira recolleuno como libro, que onte PhotoEspaña distinguiu como a mellor obra fotográfica autoeditada no país no ano pasado.

Nueva Galicia contén un volume de fotografías, tres cadernos e un mapa. Pode adquirirse na web do fotógrafo (ivannespereira.com). E non contén só imaxes, senón tamén fragmentos de documentos, informes ou manuais que contextualizan esa historia dos galegos, pero ademais van alá, nun retrato de alcance global. O traballo de Nespereira abrangue os chanzos principais da industria do caucho, que se volveu global cando os ingleses saíron de Brasil con 70.000 sementes para plantalas nas súas colonias. Xa que logo, Nueva Galicia tamén é unha reflexión sobre o colonialismo e como as comunidades locais viviron o encontro cos que chegaron ás súas terras.

Froito dese encontro son xa catro xeracións que teñen a súa orixe en Galicia; moitas destas persoas proveñen de matrimonios mixtos, fillos de galegos e de peruanos. Para esa cuarta xeración, indica Nespereira, «de Galicia non lles queda case nada».