Hai tempo que unha grave doenza apagara a súa voz, que eu nunca esquecerei. É a voz que me acompaña desde 1968, aquel mítico ano no que a súa guitarra e as súas cancións foron, entre outras, unha faísca de esperanza, unha raiola de ilusión na longa noite de pedra, dito sexa coas palabras emblemáticas dun poeta que Benedicto amou, Celso Emilio Ferreiro, e que cantou en tantas e tantas tribunas de España, Portugal, Italia...
De feito, Voces Ceibes naceu, cun poema de Celso Emilio, na voz de Benedicto, nun acto compostelán semiclandestino en febreiro de 1968. Foi o prólogo ou a incitación do celebérrimo recital da Nova Canción Galega na Facultade de Medicina de Santiago. Aquel acto auroral, de febreiro de 1968, tivo lugar na taberna El Cosechero, da rúa Nova, acto no que Benedicto nos conmoveu a trinta amigos e camaradas co poema de Celso Emilio Carta a Fuco Buxán.
Penso que todos os presentes memorizaron o final da famosa composición, final no que o último verso non era do autor de Longa noite de pedra: «Mentres o tempo da patria non chega,/mentres non pasa o tempo que denigra,/deixa ise escuro afán que te atafega,/Fuco Buxán,/conspira!».
Era, en efecto, un tempo que denigraba e abafaba, e contra o que Benedicto, cidadán inconformista, loitou sempre, unhas veces nas asembleas universitarias, outras na clandestinidade política, e acotío coa palabra, cos versos, coa música e coa canción. Benedicto foi un nome esencial nas protestas do 68 compostelán e galego. E tamén despois.
Agora, como se di no galego de Lugo, Benedicto «xa dorme fóra», xa non está entre nós, e nós -e somos moitos- estamos orfos del, da súa voz e da súa compaña. Moita xente en Galicia gardará no seu corazón o nome de Benedicto, o seu nome musical e solidario, aquel nome que tanto nos alimentou en 1968 cando a súa voz era unha faísca de esperanza e unha raiola de ilusión.