Os Bolechas, «Mar adiante»

La Voz REDACCIÓN /LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Os personaxes embárcanse nunha nova aventura, en libro e mais nunha serie, inspirada na estrea literaria de María Victoria Moreno

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Bolechas embárcanse nunha nova aventura, desta vez, da man de María Victoria Moreno. A célebre familia creada por Pepe Carreiro presentou onte na sede coruñesa da Real Academia Galega o noveno título da súa colección Letras Galegas, dedicado á escritora á que se conmemora este ano no 17 de maio. A obra inspírase na estrea literaria de Moreno, Mar adiante, publicada en 1973. Trátase dunha historia que fala dunha escola-barco e que se enriquece con textos do propio libro da autora.

Ademais, este ano a presentación do libro serviu tamén para dar a coñecer outra iniciativa, un proxecto audiovisual co que Os Bolechas tamén se suman á festa do Día das Letras. Este traballo é unha serie de monicreques cun formato semellante ao que se emite na TVG dende hai seis anos, pero centrada nas figuras homenaxeadas cada 17 de maio. María Victoria Moreno protagoniza o primeiro episodio, que onte puideron ver en primicia alumnos do CEIP Cidade Vella da Coruña, que participaron no acto de presentación.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, gabou a conxunción entre Os Bolechas e o espírito que animaba a María Victoria Moreno, escritora, editora e docente a quen movía a preocupación por fornecer de material lector de calidade aos públicos máis novos.

Pola súa banda, a serie dos personaxes dedicada ás Letras Galegas poderá verse no marco do Xabarín Club durante a semana do vindeiro 17 de maio.