Manuel Antonio, psicólogo do Alén

Xosé Ricardo Losada asina unha nova biografía do poeta na que traza un perfil psicolóxico onde destaca a dura escisión interior que trouxo a perda da fe católica


redacción / la voz

Non é casual que a biografía de Manuel Antonio que vén de publicar Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) leve por título Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia). «Eu quería que a palabra misterio aparecese no título», anticipa Losada, profesor de Filosofía no instituto Félix Muriel no seu concello natal. Unha palabra, misterio, deliberada e razoada: «Toda a vida e a obra de Manuel Antonio é un intento de superar o principio de realidade e acceder a ese ámbito metafísico que está máis alá da lóxica e do sentido común. Manuel Antonio é, como di el mesmo, un psicólogo do Alén».

Pescudar nese misterio, trazar un perfil psicolóxico do escritor, foi o obxectivo de Losada, quen tiña claro que «quería facer unha biografía de lector, non de especialista». «Quería ler a súa vida e a súa obra, máis que estudala, intentando centrarme naquilo -De catro a catro, fundamentalmente- polo que merece ser recordado. Nada de biografías definitivas ou canónicas. Simplemente, o meu Manuel Antonio».

Nesa pescuda, a aparición do epistolario, ao coidado de Xosé Luís Axeitos -autor tamén da recente biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía-, foi clave para o propósito de Losada. «Sempre me sorprendeu o pouco que se usou ata agora o epistolario para definir o seu perfil psicolóxico, supoño que debido a que non confirma o perfil que se lle ten atribuído», explica o biógrafo. As cartas entre o autor e a súa moza, Mercedes, son «o único lugar onde vemos como é realmente Manuel Antonio», subliña Losada, que dedica un capítulo á cuestión na que, malia os escasos datos que se conservan, resulta evidente que o poeta «non viviu o amor e a sexualidade en termos convencionais».

«A dúbida cruel»

Pero se hai unha clave para tratar de entender ese enigma, esa é a perda de fe. «A renuncia ao catolicismo da súa infancia suponlle unha durísima escisión interior», expón Losada. «A dúbida cruel, di el, arrebatoulle esa firme convicción que a súa amada nai gravara no seu peito. Pero nunca o conseguiu. Renunciar ao catolicismo sería renunciar á nai devota e ao pai morto e aos seus queridos tíos cregos e a unha explicación da súa propia enfermidade. De aí moitas das contradicións coas que vive», amplía.

Esa contradición, xa que logo, preside a vida de Manuel Antonio e xera outras novas: «Non querer ser católico e selo, contradición que se traduce en querer ser apóstata da familia e non querer selo, querer ser revolucionario e non ser máis que un burgués... Ningún dos substitutos ideolóxicos do catolicismo (nacionalismo, anarquismo, panteísmo) consegue darlle ese alto sentido ao ordinario que el busca, tal e como llo dera o catolicismo». Esta fe debe entenderse ligada «a unha infancia feliz e protexida» e, xa que logo, ligada á nai.

Marcaron a Manuel Antonio tanto a forte presenza da nai como a ausencia do pai, morto por enfermidade cando o futuro poeta tiña catro anos. Unha sombra que o habería de axexar e que máis tarde se confirmaría e, ao cabo, como a causa da súa propia morte: «A súa relación coa enfermidade é dun gran valor moral, moi en consonancia co que dicía o seu admirado Nietzsche: o que non mata, faite máis forte. Podería dicirse que ten unha relación pouco romántica coa enfermidade, xa que a leva practicamente en segredo, pero non é así. Eu creo que, como o gran individualista que era, gabábase da enfermidade só ante si mesmo, para sentirse ese heroe romántico que sempre quixo ser».

A relación con Dieste

Loxicamente, a biografía tamén incide nos aspectos da vida de Manuel Antonio máis relacionados coa literatura. Por exemplo, a súa relación contraditoria -outra volta- con Rafael Dieste. «É o seu modelo na adolescencia. Representa todo o que el quixera ser a nivel intelectual e familiar. E, por riba, ten éxito, mentres el fracasa en todo. Dispáralle todos os complexos e inseguridades -describe Losada-. Acaban sendo antitéticos en todo (ideoloxía, estilo, talante), iso que comezaran tendo o mesmo proxecto vital: a civilización atlántica. Non creo que fose casual».

O libro tamén examina outra fe, aquela coa que Manuel Antonio se entrega ás vangardas, «unha das grandes decisións da súa vida», malia ir á contra do consello que lle dá Vicente Risco, «o seu pai intelectual». «Eu creo que busca as vangardas por razóns non poéticas: ir máis alá de Dieste, evitar certos complexos, xustificar un posible fracaso, buscar un estilo propio inimitable, criticar poeticamente o mundo burgués... O máis lóxico sería que fracasase. Se non fracasou foi porque era realmente un poeta de raza». Outro fracaso é a recepción negativa entre os seus coetáneos do manifesto Máis alá, asinado con Álvaro Cebreiro: «Se non escribe unha obra que escureza ese pasado que tanto critica, ese manifesto é unha simple boutade. A grandeza é que acaba escribindo un dos mellores libros da poesía universal, demostrando que era un poeta de raza, e non un falabarato como moitos pensaban».

Luces e sombras dun escritor singular. «Mentres non teñamos biografías que mostren, ao lado dos seus acertos e virtudes, as debilidades, mesquindades e defectos dos nosos grandes escritores, seremos unha literatura insegura», conclúe Losada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Manuel Antonio, psicólogo do Alén