No sentido ideal

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de ter sido fundada por Gustavo III, en 1786, a Svenska Akademien non ostenta denominación monárquica nin goza de «amparo real», como é o caso das academias española e galega. Menos mal que Alfred Nobel, ademais de químico, enxeñeiro, inventor, empresario e poeta, era un tipo teimudo, pois se pola corporación escandinava fose, a literatura quedaría fóra dos premios por il instituídos pouco antes de morrer, en 1896. Algúns membros, ben diles, escapábanlle ó encargo de escolleren anualmente o mellor, en sentido ideal, a pretendida excelencia literaria. Moi ben dotado xa daquela, hoxe acada dez millóns de coroas (un millón cen mil euros); algo disto conta Kajell Epsmark, un dos dezaoito numerarios actuais, en El Nobel de Literatura. Cien años con la misión (Nórdica). A sueca sería máis ou menos coma todas as academias, pero ao conceder o galardón das letras da humanidade, interpretando o testamento (nada claro) de Alfred Nobel, converteuse nun centro de grandes xestos, tamén de miserias e escándalos, como o recente do violador Jean Claude Arnault. Iles din que van cos tempos, evitando no posible a competencia entre as nacións e as linguas, procurando sorprender e mudar a dirección; agora andan co global. O Nobel tivo de todo: épocas moi conservadoras, nas que Tolstoi e Zola foron rexeitados por heréticos, Joyce e Ibsen por progres, André Malraux por roxo… e outras menos, como cando mandaba Artur Lundkvist, artífice do premio para Asturias, Neruda, Paz, Aleixandre e García Márquez, e que pasa polo verdugo de Borges. W. H. Auden perdeuno, seica, por lareta, e o dramaturgo Ángel Guimerá, vinculado á renaixença catalá, foi substituído, en 1904, por Echegaray -a quen Valle Inclán, non Nobel, lle chamaba «el viejo idiota»-, froito da presión do goberno español para evitar un autor en catalán conxuntamente con Frédéric Mistral, que o recibiu ese mesmo ano, «pola orixinalidade fresca e verdadeira de Mirèio e o seu labor como escritor en provenzal». Neste febreiriño curto, con neve caroal, reiteramos, desde o PEN Galicia, a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín. Respondemos, así, a unha das setecentas cartas da SA dirixidas a persoas e organizacións do ámbito literario mundial solicitando nomeamentos. Dicilo, no noso caso, non é indiscreción ningunha, facémolo con orgullo, seguros de que Ferrín non vai estar nas apostas de Ladbrokes. Pero nunca se sabe.