As voces íntimas do alfabeto

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O artista Berio Molina publica «setras», un libro no que desenvolve unha caligrafía baseada na acción sonora, a medio camiño entre a poesía, a ciencia e o absurdo

02 feb 2018 . Actualizado a las 16:26 h.

Quizais nestes tempos de escrita dixital sexa difícil escoitalos, pero existen. Son os sons das letras, a acción sonora que desprega a caligrafía e que permitiu ao artista Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) entregar un libro singular. setras preséntase como «un alfabeto sentimental a medio camiño entre a poesía e o ensaio científico, que se enfoca dende puntos de vista tan afastados como a física, a arte de acción, o absurdo e a asociación libre de ideas». Publicado grazas á colaboración da editora Fulgencio Pimentel, a Fundación Mayeusis e La Casa Encendida, setras recibiu o galardón especial do xurado de entre as máis de seiscentas obras a concurso no premio Puchi Award.

«Os sentimentos en relación ao alfabeto atópanse na escolla das setras», explica Molina. «Parto do alfabeto galego, pero inclúo o ll e o w. Outras letras, como o j e o y, por exemplo, nos os inclúo exclusivamente por razóns sentimentais. Na adolescencia sufrín bastante por falar galego e é unha vinganza persoal», engade. O ll e o w, en cambio, aparecen porque «ao ser dobres dan moito xogo coas súas correspondentes parellas, tanto ritmicamente, polas súas calidades sonoras e pola súa lectura estética». Tamén están ausentes de setras as maiúsculas.

Cada setra está documentada nas súas características con distintos debuxos e descricións, ao xeito dun tratado científico. Do c, por exemplo, unha «setra gravitacional», dise que «comezou sendo unha recta , un son plano e sen perturbacións. Debido á influencia de atracción dun axente externo a recta converteuse en curva e o son volveuse dinámico e inestable». Un diagrama ilustra o cambio de frecuencia, de agudo a grave, no seu trazo. Igualmente, cada setra está adxectivada: h, escapista; g, aérea; p, enterradora, son algúns exemplos. Son características que proveñen, como di Molina, «dun xogo de subxectividades: da propia subxectividade da setra e da de quen a crea. E, a partir de aí, dun xogo de conexións». Cada unha ten as súas peculiaridades: «A maneira de manifestarse é diferente. Por exemplo, o f é unha setra que se debuxa moi ben na imaxinación, flotando dentro da cabeza e escoitando a súa resonancia. Outras, como o x, necesitan a precisión nun momento de cada xesto sobre o papel. Precisa os seus golpes no chan».

As setras están tamén ilustradas no libro con descricións gráficas de Molina como do artista Liqen, que asina as días ilustracións que acompañan a reportaxe.

Berio Molina é consciente de que a caligrafía esmoreceu como acto cotián e está a renacer como actividade lúdica e artística. «Ao mellor o feito de que escribir a man comeza a perder a súa funcionalidade, por iso pode liberarse máis facilmente da tiranía da escritura. Penso que agora pode reivindicarse en actividades máis subxectivas e creativas desde o punto de vista do seu propio ego. Pode manifestarse con máis liberdade e permitirse o gusto de ser máis críptica. Quizais por iso a acción de escribir vai volvendo a espazos máis creativos como a caligrafía ou o graffiti para expandilos. Nese sentido, setras é un reflexo desa mesma necesidade», reflexiona.

O libro trae un disco de vinilo coa gravación dos sons -cada suco é unha setra en bucle-, «un convite para que a xente xogue coas setras», e que faga as súas propias experimentacións sonoras, que tamén se poden descartar no sitio web archive.org/details/Setras.