A busca do Xesús que hai en Xesucristo

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MONICA IRAGO

Xulio L. Valcárcel publica «A invención dun Deus», unha pescuda na figura histórica que terá continuación cun novo volume sobre a consolidación do cristianismo

18 abr 2019 . Actualizado a las 17:51 h.

«Unha cousa é Xesús e outra Xesucristo», anticípase Xulio López Valcárcel (Lugo, 1953) para explicar cal é o propósito do seu libro A invención dun Deus. Xesús de Nazaret (Laiovento) e que se centra no Xesús que hai en Xesucristo, é dicir, o predicador do século I sobre o que máis tarde Paulo de Tarso e outros crearían a figura do Mesías ou Cristo. Precisamente o volume do poeta lugués leva por subtítulo De predicador a Mesías, abranguendo esa vertente máis humana. Estes días remata a continuación, na que aborda «por que unha pequena seita xudía, xurdida nos confíns do Imperio, chega a prevalecer como ideario e a converterse na primeira relixión de Occidente».

Para este primeiro volume Valcárcel estudou a bibliografía sobre Xesús e o seu tempo, mais os Evanxeos, que considera «a base principal». Pero tamén viaxou a Terra Santa e percorreu os escenarios nos que Xesús viviu e predicou -e morreu-, todo co obxectivo de acadar «un perfil o máis real posible». Unha tarefa nada doada, tendo en conta a sona mundial da persoa, a construción do rigoroso dogma relixioso arredor da súa figura, por un lado, e a abundancia de teorías de todo tipo por outro. 

Os trazos do home

¿Que trazos son, xa que logo, os que mellor describen ao Xesús home? Valcárcel apunta que o retrato máis próximo é o que se pode atopar no Evanxeo segundo San Mateo, o único dos catro escrito en arameo -os outros tres están en grego-, o que permite unha achega máis directa e pensar que o que se pon en boca de Xesús é realmente o que dixo. Deste Evanxeo o escritor extrae algúns trazos: «Non tiña problemas por mesturarse coa xente marxinal, con prostitutas, cos desfavorecidos. Gustaba de comer e beber. Era alegre, enxeñoso, brillante». Tamén invoca a súa habelencia literaria: «Dicía Malraux que só coas parábolas do fillo pródigo e do bo pastor chegaría para gabar a súa perspectiva estética». Valcárcel tamén subliña a «fondura e o calado» do discurso de Xesús, ademais da súa capacidade de adaptación e de axeitar as palabras a cada público. «Se falaba con labregos, falaba de sementes, de colleitas; se o facía con pescadores, de redes e de peixes», ilustra.

Algunhas destas cuestións biográficas son pouco coñecidas porque se foron empequenecendo ou directamente eliminando da construción posterior da figura de Cristo. Valcárcel cita, por exemplo, a relación de Xesús con María Magdalena ou a existencia de irmáns.

O percorrido do Xesús home arranca co seu nacemento -«Seguramente en Nazaret, porque a idea do censo en Belén resulta inverosímil», sostén Valcárcel-, o seu paso da mocidade á idade adulta como carpinteiro e a súa adscrición ao grupo de San Xoán o Bautista. A partir de aquí ábrese un período de predicación itinerante, que levou a Xesús máis polas vilas que polas cidades, xa que nestas últimas os milagres inspiraban máis receo que credulidade. Había ademais outro motivo para evitar as urbes: Xesús non se formara na xerarquía eclesiástica xudía e os seus compoñentes desconfiaban do predicador, pero sobre todo da súa mensaxe. 

Un revolucionario

Xulio López Valcárcel ten claro que Xesús tiña o perfil «dun revolucionario». Algo que o destacaba nun contexto político complexo e sometido a tensións e brotes de violencia. Unha situación da que o escritor atopou ecos moi vívidos nas súas viaxes aos escenarios da vida e da morte de Xesús. O predicador preséntase en Xerusalén convencido de que se vai instaurar o reino de Deus na Terra pero a súa presenza e a súa mensaxe acaban por condenalo. Valcárcel expón na súa achega biográfica que non debía de ser moi coñecido na cidade, xa que «Xudas tivo que bicalo para que os soldados puidesen identificalo». Nin os propios acompañantes, como exemplifican as negacións de Pedro, estaban convencidos do éxito da misión. E o propio Xesús, durante a súa agonía, tamén chega a dubidar e mesmo se cuestiona se o pai no que tanto confiaba acabou por abandonalo.

Esta figura paterna é outra cuestión a exame no libro de Valcárcel. «Todas as divindades nacen dunha nai, que tamén desempeña un papel. Aquí a Virxe é a nai mitolóxica, pero Xesús non deixa de falar do pai, do Abbá, que é un pai ausente, que non lle responde para nada», reflexiona o escritor.

Coa morte do home nace a creación do mito. Xesús pasa a ser Xesucristo ou Cristo. E del agroma a relixión que a partir do edicto de Milán promulgado polo emperador Constantino chega a converterse no que é hoxe en día. Será o tema do vindeiro libro de Valcárcel.