Algo di Otero Pedrayo, referíndose a Noriega Varela no Libro dos amigos, sobre trasnoitadores de Ourense. Como o poeta de Montañesas -que logo sería D’o ermo- que baixaba a pé a Costa de Canedo, na cima de cada mes, para cobrar a nómina de mestre en Trasalba e botar un par de días, coas súas noites, con pándigos como o Dr. Parada, Ático Noguerol, Xavier Bóveda, e outros noctámbulos. Principiaban daquela percorrendo as redacciós dos periódicos, demorábanse nos cafés ata que os botaban fóra e, de continuo, seguían de rexouba polas rúas, rindo e fumando, parando a cada pouco debaixo da escasa iluminación eléctrica -novidade aínda-, gabando avangardas, chamando a berros pola gloria, petando cos cotelos nalgunha porta de mala nota, acolléndose, no inverno, á lentura dos fornos…
Fala que fala, seguido, de política, de cupletistas, de libros recentes, de ciencias ocultas, de curas xogantís e fodichas, de toliños célebres.… Noites ourensás que foran de Paz Novoa e Basilio Álvarez, Losada Diéguez, Risco, Otero e Cuevillas. Tamén dos que chegaron co cambalache do XX: Blanco-Amor, Martínez-Risco, Eugenio Montes, Paco Luís Bernárdez… Despoixa aqueloutras pechas de barbarie, sangue e terror, fusilados, claudicados, presos, fuxidos… Longa noite de pedra, Celso Emilio. Soñar a noite de lonxe, desde as bágoas do exilio, José Ángel Valente, Julio López Cid. Logo, Xente Nova contra a negrura, Fernández Ferreiro, Víctor Campio Pereira, Gómez Pato. E «Os artistiñas» que fenden, que rachan coas tebras, Xaime Quessada, X.L. de Dios, Acisclo Manzano, Buciños… Unha noite con Carlos, Maribel e Mariño na fin dos 60…
E así ata chegar ás vosas, antes e despois de Compostela, irmaus Manolo Guede, Marcos Valcárcel, Bieito Iglesias, Afonso V. Monxardín. Eu apenas a arela, o que lle oín a Tacho Puga e a Xavier López Rivera, nada da noite iles… Centos e centos de historias nocturnas, as máis delas ditas polos que non as viviron, só a media palabra e ás escuras. Ese terrible luscofusco, o empardecer dos covardes, falsidade no solpor. Non en Ourense. A primeira vez que puxen pé nesta cidade, nada calma, fervedoira e narrativa, con verbo propio no alto das barroncas, topei, na rúa de Santo Domingo, mil pesetas. Beizón que dura desde aquil 1964.