Galicia, na encrucillada céltiga

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Emilio Cao presenta na Fundación Seoane a reedición de «Fonte do araño», un fito da música que reflicte o tempo que no foi gravado, hai corenta anos

01 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Penso que o elemento céltigo é o factor esencial que lles dá tanto ao pobo como ao país galego o seu carácter distintivo». Así saudaba Alan Stivell a aparición, hai corenta anos, do disco Fonte do araño, que marcou o inicio da carreira de Emilio Cao e no que participaron outros nomes fundamentais da música galega, como Bernardo Martínez, Xosé Ferreirós, Antón Seoane e Xoán Piñón. O propio Cao participa mañá na Fundación Seoane na Coruña (20.00 horas, entrada gratuíta) nunha audición dos dez temas e un coloquio posterior co gallo da reedición limitada, de tan só 300 unidades, do álbum.

Stivell, cunha carreira xa consolidada, validaba esa aposta galega por afondar nas súas raíces e ao mesmo tempo comunicarse culturalmente cos pobos atlánticos europeos. «Teño pra min que este xesto é coma unha ponte galgando por riba do Atlántico, expresión dos vencellos que xuntan a Galicia e Bretaña, dous países que se atopan, aínda que en distinto degrau, na encrucillada das culturas latina e céltiga», escribía o músico bretón no disco, cuxa reedición reproduce o deseño orixinal de Xosé Díaz.

Sete das dez cancións de Fonte do araño eran composicións propias de Cao, mentres que as tres restantes eran pezas populares: Pandeirada de Nebra, Arrieiros de Moraña e Romance de Bernardino e Sabeliña. Instrumentos como a zanfona, a arpa ou a gaita convivían con sonoridades máis eléctricas, como correspondía a ese tempo crucial para o desenvolvemento da cultura galega que foron os primeiros anos tras a morte de Franco. Un disco como Fonte do araño era á vez investigación e reivindicación, sen esquecer o factor lúdico de toda música.

Era tamén unha encrucillada entre o local e o universal, o tradicional e o novo. Como explicaba Emilio Cao nunha entrevista con La Voz con motivo da aparición do disco, el sempre pensara que o seu era o rock, mentres que a música galega ficaría para a xeración dos pais, e que ao afondar na súa cultura atopara un mundo descoñecido e fascinante. Cao destacaba a colaboración de Stivell e subliñaba a galeguidade do disco, no que tocaran músicos galegos desprazados a Madrid -rexistrouse nos estudos Audiofilm-, así como o papel determinante da produtora Abrente, de Nonito Pereira, que se inauguraba con este disco, ao que seguirían traballos de NHU, Xoán Rubia, María Manoela ou Xocaloma, entre outros.