120 non son nada


Considerábase un tipo dubitativo pero teimudo, amador da vida, viaxeiro, curioso insaciable… Como escritor dicíase serodio, intermitente e inconforme, ben dotado para a oratoria: «O rapaz da miña xeración, ou ao revés. Un ourensán nada universal, nin p… falta que me fai», repetía. Elegante e ben parecido, mesmo de vello, detestaba a vulgaridade, practicando decote unha peculiar mestura de cortesía anglo-porteña co dandismo pándego de Ourense, capitalino. Só era arrogante en aparencia. Tras aquela fachenda vaidosa, lingua rápida e aguda, aceno irónico, mesmo por veces impertinente -sempre coidadoso das formas-, agochábase un ser humano indefenso, carente de afectos, que reclamaba cariño coa ollada. Tiña, Eduardo Blanco Amor, unha facilidade asombrosa para entablar conversación coa xente normal. Listo e perceptivo, adaptábase ao nivel do interlocutor de contado, ofrecía confianza. De por parte, cando o seu fino olfacto ulisqueaba necidade ou pedantería -alguén de medio pelo, chamáballe il-, púñase corrosivo ao máximo, sen humillar, pero terriblemente cáustico. En contacto coa xuventude transformábase por completo. Esquecía os agobios, a ansia por gañarlle tempo ao tempo, pasaba das teimas e dos agravios, relaxábase, sentíase cómodo. Era o colega perfecto, con experiencia e palabras. Algo moi de agradecer aos vinte anos, un momento en que os coevos máis fraternos son case todos incapaces de se explicar, moito menos dunha maneira clara e sinxela. Aínda que pareza mentira, Blanco Amor non nos contaba batallas. Sabía tratar coa mocidade, deixaba a retórica -que a tiña- para outro tipo de público, trocaba a grandilocuencia -na que era mestre- por unha proximidade comprensiva, inusual nun home que nos triplicaba longo en idade, andadura e formación. Don Eduardo, cando contaba, sabía facelo ben. Lembro aquela súa historia dun can enorme que ouveaba seguido na rúa Tabernas da Coruña, sen deixar pegar ollo ós veciños que elevaron as queixas ata o alcalde. Nós pensábamos, maliciosos, que se trataba dunha metáfora relacionada coa Academia Galega, sita en dita arteria, obxectivo das rexoubas do escritor. Pois non, esoutro día lin, con asombro, na hemeroteca de La Voz de Galicia, que o suceso foi real, que aconteceu en 1887. Dez anos antes de que Eduardo Modesto viñese ao mundo, tal día coma hoxe, para gloria da Literatura.

Votación
10 votos
Comentarios

120 non son nada