Kiko da Silva: «Estamos exportando talento, pero temos que producir cómic en Galicia»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

O debuxante e editor vigués, fundador da primeira escola de cómic de Galicia, participa en Viñetas desde o Atlántico

10 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta o director do salón do cómic de A Coruña, Miguelanxo Prado, que lembra na primeira edición do festival, hai vinte anos, a un estudante de Belas Artes que quería dedicarse ao cómic. Ese rapaz era Kiko da Silva, ilustrador, editor e creador da primeira escola profesional de ilustración e cómic de Galicia, O Garaxe Hermético, que este ano figura como autor convidado ao salón, compartindo exposición no Kiosco Alfonso con debuxantes como Risso ou Dave McKean: «E os meus debuxos en medio. É algo incrible», asegura.

-Nestes vinte anos pasou de ser un visitante a un dos protagonistas de Viñetas.

-A miña carreira desenrolouse parella a Viñetas. É algo que os autores galegos temos que agradecerlle aos organizadores, que nun lugar onde non hai tradición industrial de banda deseñada exista un festival destas características. Iso permitiu que hoxe podamos estar falando de banda deseñada galega e de autores que están debuxando fora das nosas fronteiras.

-¿Cal cree que foi o papel do festival na BD galega?

-Houbo moitos fitos. Naceu Viñetas, montamos BD Banda, o colectivo Polaquia sacou Varsovia, La Voz de Galicia publicou a revista Golfiño -algo histórico, porque moitos autores comezamos a cobrar todas as semanas por primeira vez-, chegou despois Retranca... E os autores foron dando o salto a nivel nacional ou internacional. Todo isto ten en común que o Viñetas nos proporcionou un punto de encontro e nos puxo os pes na terra, porque nos permitía comparar o que facíamos aquí co que se estaba facendo a nivel internacional. E todo sen ter que ir ata Barcelona ou Francia. Coñecín a moitos autores e editores, o que me permitiu levar a bo porto diferentes proxectos.

-Ten unha posición privilexiada dende a escola para valorar o futuro do cómic galego.

-Está máis que asegurado. Levamos cinco anos coa escola e xa temos alumnos con libros publicados. Queremos acelerar a profesionalización dos autores do país, que o que antes se tardaba dez anos, se consiga en tres. E unha cousa moi significativa é que por primeira vez hai máis mulleres matriculadas que homes, o que quere dicir que a presenza feminina na banda deseñada xa non é algo minoritario.

-Soa optimista.

-Si, pero aínda somos os grandes esquecidos das institucións. A diferenza do cine ou a literatura, o cómic non existe para a maioría das administracións. E non necesitaría moita inversión para botar a andar como industria. É un medio barato se o comparas, por exemplo, co cine. Hai que conseguir que se produza banda deseñada galega. Ata o de agora estamos exportando talento, con autores que publican fora de Galicia. E así os dereitos de autor, os cartos, quedan en Barcelona, Francia ou Estados Unidos.