Payador

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Relendo a Lino Novás Calvo, un galego das Grañas do Sor que comparte con Rulfo, Asturias, Onetti e Carpentier a paternidade do máxico-imaxinario, antes de que así se chamase, convénzome da utilidade dos glosarios. Manexo varios vocabularios gauchescos, algo sei de lunfardo, pero tiven que buscar bajareque, algo así como tapera, bohío escanastrado, rancho en ruínas, casarella medio desfeita… Entre as follas de Cayo Canas apareceume un programa do recital de Atahualpa Yupanqui na Aula de Cultura da Caja de Santiago, o 27 de novembro de 1973. «Trovador nato con la guitarra apretada contra el corazón…», di o díptico no que tamén figura o repertorio: El arriero va, ¿A qué le llaman distancia?, Baguala de los mineros e, como non, as conmovedoras Coplas del payador perseguido. Recordo, con exactitude, que cando rematou a actuación, fixen o remolón e non marchei canda os colegas. Despoixa de agardar preto de unha hora puiden saudar a don Ata. Que así é como lle chamaban, con respecto e agarimo, a Héctor Roberto Chavero Aramburo, Atahualpa Yupanqui. Músico, poeta, cantautor, figura cimeira do folclore crioulo, etnógrafo estudoso das culturas aborixes do noroeste arxentino, foi grande entre os grandes. Aquela noitiña, en Compostela, acompañei a Atahualpa -en quechua «o que vén de lonxe para traer a palabra»- e a Nenette, Paule Pepin Fitzpatrick, francesa, eterna namorada. Preferiron regresar a pé ao hotel e despediron aos anfitrións. Ofrecinme a facerlles de guía. Falamos da Guerra Civil, dos galegos exiliados en Buenos Aires -trataran moito a Luís Seoane e a Maruxa-. Todo foi cordial e ata me amosou o seu dedo índice torto. Quebrárallo a policía peronista, esmagáranlle a mau dereita para que non tocase máis a guitarra. Ignoraban, os moi bestas, que era manicho. Mentres mo contaba ría a cachón, como rin as boas persoas. Percorremos a Rúa do Vilar, detivémonos en Praterías, arrodeamos a catedral e seguimos ata a Porta do Camiño. Demos volta pola Virxe da Cerca e, no Toural, sorprendeunos a herba mate Taragüí, na vidreira do ultramarinos dos Carro. Interesouse polo movemento estudantil, preguntou polo PCE, quería saber... Despedímonos diante do Hostal cun Obradoiro deserto e co desexo de que, cando voltasen, Franco tería caído. Nenette procurou no bolso un agasallo; El payador perseguido, Atahualpa adicoumo. Fun quitando coplas todo o camiño, ata o Burgo das Nacións, onde moraba.