Ás baroutas

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un bo amigo riberau, Tomás, a quen coñecín hai 44 anos na primeira Mostra de Teatro de Ribadavia, envíame a diario, por WhatsApp, informaciós variadas. Debo dicir que non todo o que manda é do meu agrado, pero como fun afeito a curioso de rapaz, abro e miro. Non dou pasado sen revisar, sabedor da perda de tempo que significa. Pero hoxe, madia levei co Tomás, mandoume un artigo de Joan Perucho, publicado en xaneiro de 1968, Los vinos de Galicia. E aínda que o título semelle do máis sinxelo, o texto do insigne poeta, novelista e ensaísta catalán, xuíz de profesión e catalanista sensato, évos a peza máis fermosa que teño lido sobre os nosos caldos. Só superable, claro está, polo pracer de paladear un tinto de Cabanelas no que o caíño mande no brencellau, e de xerez, nin cheiro. Un vaso de branco ou de tinto agarima a lectura de media mañá e, se vai co compango dunha magra de xamón por riba dunha rabanda de pantrigo, coroa. Sabido é que o bo viño, como toda páxina sublime, cae fondo e non se aprecia como é debido, co estómago baleiro. O caso é que Perucho, moi de Cunqueiro e de Castroviejo, foi tamén grande amigo de Casares. En 1996, Carlos propúxonos, á directiva do PEN de Galicia, crearmos un premio de ámbito peninsular. E así naceron os galardós Rosalía de Castro -non había daquela ningún premio significativo co nome da nosa escritora símbolo-, un xesto de xenerosidade das letras propias para coas outras da Iberia: portuguesa, castelá, vasca e catalá. O primeiro agasallado en catalán foi, sen dubidármolo, Joan Perucho. En marzo do 2002, cando Casares morreu de sócato, tocoume a triste tarefa de chamalo para lle comunicar a marcha do amigo. Colleu a muller e logo se puxo il. Estaba enfermo, acababan de lle conceder o Premio Nacional das letras españolas, e pensou que era por iso. Preguntoume polo congreso sobre Curros Enríquez, poeta ó que admiraba. E, con voz trémula, despediuse: «Cuando me pierda, cuando me falle el rumbo, no me importará, porque sé que iré a parar a Galicia, para estar con Álvaro, con José María, con Carlos…». Perucho finou no mes de outubro do ano 2003, coa cabeciña ás baroutas. Seguro que veu dar eiquí.