Perda de memoria


É tan doado consultar as cousas en Internet que cada vez poñemos menos interese en recordalas, e de nada serve que moitos mestres nos alerten do perigo que isto supón. Internet afórranos esforzos, é certo, e isto é moi cómodo. Pero tamén nos causa un mal moi lamentable e moi perverso: o esquecemento da nosa propia lembranza dos feitos, que cambiamos estupidamente pola versión -nunca neutra e nunca nosa- da realidade circundante, que é aquela na que nós vivimos e sentimos.

O ano 2014 o novelista Umberto Eco escribiulle unha carta a un neto sobre «un mal que afectou á túa xeración e mesmo aos rapaces maiores ca ti, que están na universidade: a perda da memoria». Eco, que morreu dous anos despois, explicáballe ao neto que «o cerebro é o mellor dos ordenadores porque conta con moitas máis conexións, é unha ferramenta que sempre levamos con nós e, ao contrario que as máquinas, mellora co uso sen necesidade de ser substituído».

Como bo escritor, o autor da gran novela O nome da rosa tiña observado que, para os mozos, o pasado aplanárase nunha enorme nebulosa indiferenciada, e por iso brindáballe ao neto algunhas reflexións; por exemplo, que o amor e o sexo non son como os pinta Internet, que é bo memorizar e competir cos demais -«porque a memoria é un músculo como as pernas que, se non se exercita, atrofiase e fai que te convertas nun discapacitado»-, que os pequenos detalles nunca son irrelevantes e que o que pasou antes de que naceras tamén conta. Porque ese pasado contén as claves do presente.

Antes ca Eco, o propio Shakespeare deixáranos dito que «a memoria é a sentinela do cerebro». E, moito antes, xa Aristóteles nos relembrara que «grazas á memoria dáse nos homes o que se chama experiencia». Por iso é tan proveitoso lembrar, coidar a memoria e aprender. E isto pódese facer tamén mediante Internet, pero coa condición de non fiar tanto nesa prodixiosa rede que nos deixe sen a nosa propia lembranza dos feitos e as reflexións da nosa vida e do que observamos en xeral. Internet non pode ser un substituto da nosa memoria, porque neste caso nós non seriamos nós. Mellor, fagámoslle caso a Umberto Eco e compañía.

Votación
7 votos

Perda de memoria