Un pobo á defensiva

CULTURA

30 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai medio século, o historiador Claudio Sánchez Albornoz cualificou a Galicia coma «un pobo á defensiva». E non se refería á actualidade do momento en que el escribía, senón aos nosos «vinte mil anos á defensiva, en comuñón co peculiar da branda e doce e lírica terra galega, que forxaron unha herdanza temperamental e un estilo de vida». O temperamento e o estilo de vida dunha Galicia racialmente multiforme, coa chegada, entre outros, de celtas á fin da Prehistoria e de suevos ao comezo da Idade Media.

En definitiva, sostiña o historiador, «unha Galicia crisol de pobos, fundidos pola historia e pola terra; o desa Galicia cuxos fillos foron acentuando século a século o seu talento político, a súa facundia dialéctica, o seu zigzagueante enxeño. Máis ou menos en broma teño dito alguna vez que os galegos serían capaces, se se o propuxeran, de convencer ao Papa de que non existe o Espíritu Santo. Xa o foron de crear o marabilloso mito xacobeo e de atraer catervas de homes: santos e pícaros, reis e mendigos, artistas e mercaderes cara á fin do mundo daquela coñecido».

Reproduzo aquí estas liñas porque coido que acreditan unha forma amorosa de historiar, sen empoleirarse nin converterse nun frío relator de sucesos ou datos. Sánchez Albornoz sempre foi máis aló da enumeración dos feitos, levado pola intuición, pola visión poética e tamén polo afán de ensinar dun xeito comprensible. O seu libro España: un enigma histórico (1956) segue a ser un tesouro que contén múltiples saberes, expostos cun afán sedutoramente pedagóxico. A propia idea dos nosos «vinte mil anos á defensiva» é un achado que se apoia en datos históricos, pero que tamén os transcende, para converterse nun descubrimento ou nunha revelación clarexadora e relevante. Porque Sánchez Albornoz era tamén un historiador de almas.

A pregunta para os historiadores de hoxe sería saber se cren que seguimos a ser ese pobo á defensiva ou se estamos ante un cambio de actitude. Eu coido que a nosa realidade histórica cambiou, pero déixolle a palabra aos expertos sucesores de don Claudio.