Eli Ríos gaña o premio Torrente en galego coa novela «Luns»

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

O xurado destaca a innovación e a perspectiva de xénero da obra

14 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación da Coruña fallou onte o Premio Torrente Ballester na súa primeira convocatoria só para orixinais en galego. O xurado elixiu como gañadora a novela Luns, de Eli Ríos, que recibirá os 25.000 euros cos que está dotado o galardón. O ditame subliña da obra vencedora a súa «perspectiva de xénero» e que é «tecnicamente innovadora» cunha «corrente de consciencia que conmove «o público lector». Do argumento, o xurado salientou a súa «personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática».

Esta circunstancia, segundo aclarou onte Eli Ríos (Londres, 1976), é o diagnóstico de cancro da protagonista, unha muller de 37 anos, nai de dous fillos. «Esa situación configura unha realidade diferente, afecta e transforma a vida cotiá, e a protagonista debe volver preguntarse que é a súa existencia», describiu a autora. Neste transo é crucial a condición de muller e nai da protagonista. «Ás veces parece que as mulleres podemos con todo, tamén coa enfermidade, algo que ten que ver con esa figura case heroica que segue adiante aínda que se atope mal. Pero ten unha enfermidade e reclama atención, quere ter importancia», di Ríos.

Xa que logo, Luns relata a vida dunha muller, «vista cunha perspectiva de muller», na que a protagonista asume a súa propia voz en primeira persoa, sen estar suxeita ou supeditada a unha narración omnisciente. Esta voz exprésase a través de dúas vías: primeiro, unha corrente de consciencia, «que deixa ir sen orde os pensamentos, xa que non teñen principio, medio e final», e segundo, unha serie de diálogos intercalados con diferentes personaxes, que todos eles achegan algo á protagonista.

Unha situación vital como a que centra Luns pode ter un remate optimista ou desacougante. Ríos cre que a súa novela participa do primeiro. A escritora describe a súa obra como «visceral, que aspira a remoer as entrañas e mover á acción» e que polo tanto ten unha conclusión positiva. «A idea é que a historia viva máis alá do libro, e que ao remate da derradeira liña non se peche sen máis», senón que actúe como un elemento incitador.

Dúas modalidades

Ríos convértese deste xeito na primeira gañadora do premio Torrente dende que a Deputación da Coruña cambiou a organización do galardón, pasando dunha única convocatoria, aberta a manuscritos en galego e castelán, a dúas separadas para cada lingua. O fallo da modalidade en castelán está previsto para o vindeiro día 20. A escritora cre que esta decisión é axeitada. «Hai que destacar o traballo da deputación porque dá visibilidade ao galego, rescatando as novelas en galego que se presentaban a este premio», gaba a gañadora. Este ano concorreron 101 obras ao premio, superando con moito as 29 escritas en galego que se presentaran no 2015, cando gañou a autora coruñesa Blanca Riestra coa novela en castelán Greta en su laberinto, e que vén de publicar estes días Alianza Literaria.