-Non me atrevo a facer unha consideración xeral, primeiro porque que este libro tivese forma de poesía foi algo circunstancial. Eu fago diferentes cousas que atopan distintas formas e isto atopou a de poemario. A poesía que me interesa é a que me fala directamente, da que me chega a imaxe, que non teño que intelectualizar demasiado, que non teña que ir mirar palabras rarísimas no dicionario ou buscarlle todos os significados que tivo ao longo da historia. Para min ten algo que ver co sensorial, co inmediato, co físico. Despois o cerebro o procesa e logo sae algo máis elaborado. Pero para min o máis interesante é o primeiro impacto, que normalmente se sente a través dos sentidos.
-¿E inflúen as súas facetas como escenógrafa, como actriz?
-Imaxino que si. Cando rematei de escribir ensineillo a alguén que me coñece moito e unha das cousas que me dixo era que por esa deformación profesional había unha cousa moi teatral no poemario. Hai tres personaxes recoñecibles, unha voz poética que muta, hai un xogo moi teatral. E logo o material, a min que me interesan os sentidos, as texturas, o reflexo da luz en distintos materiais, e iso é unha querenza persoal. Está reflectido aí porque eu son así. Na miña experiencia, poesía e teatro non están tan afastados.