«Un monstro vén a verme»


Redacción / La Voz

Fálase moito do sistema literario galego como algo en construción, como un espazo que se consolida, que medra, lentamente. E dise, por suposto, que non pode chegar moi lonxe sustentado só nos creadores, se non se apoia na tradución, que experimentou en 1995 un paso cara a madureza definitivo da man da licenciatura na Universidade de Vigo. Ese territorio que é tamén o país tivo hai pouco un fito extraordinario: a versión en galego do Ulysses de James Joyce (Galaxia). Nada que obxectar. Pero é que non basta iso, o sistema literario precisa doutros piares fundamentais. Un deles é a capacidade de reacción, a rapidez de resposta, incluso o oportunismo comercial. O selo pontevedrés Kalandraka vén de mostrar eses reflexos tan necesarios ao editar -na impecable tradución do escritor Xesús Fraga- o relato de Patrick Ness baseado na idea de Siobhan Dowd: Un monstro vén a verme. Si, pese a quen pese, mais alá de laios de puristas, debe aproveitarse o tirón da estrea da adaptación cinematográfica de J.A. Baiona. ¿Por que renunciar ao enérxico arrastre do filme? Os cataláns o fan -o levan facendo moito tempo, e con éxito- e a ninguén lle cae os aneis. Stieg Larsson (mesmo o cuarto tomo, o feito por David Lagercrantz), Harper Lee (a novela rescatada sobre Atticus Finch), Nesbo, Matilde Asensi, Boyne, Almudena Grandes, Dan Brown, María Dueñas, Le Carré, Fiona Barton... Todo é motivo de interese para publicar na lingua de Josep Pla. Parece un bo espello no que mirarse. Pensado para o público xuvenil, e tamén o adulto, este vizoso best seller, Un monstro vén a verme, utiliza os pesadelos, os soños e a fantasía para trenzar unha historia chea de emoción e audacia que pon sobre a mesa a complexa relación nai-fillo e os elementos do amor, a perda, a dor, a esperanza, a amizade e o fascinador e salvífico poder dos que contan historias. A peripecia do neno Conor, apenas un adolescente, pode semellar infantil, pero agocha unha valiosa reflexión sobre a vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

«Un monstro vén a verme»